OS FEITOS DOS APÓSTOLOS - Capítulo 8
Capítulo 8
Persecución da Igrexa. Saulo entre os perseguidores
- 1Saulo aprobaba a súa morte. Aquel día levantouse unha grande persecución contra a Igrexa de Xerusalén, e todos, agás os apóstolos, dispersáronse polas terras da Xudea e da Samaria.
- 2Uns homes piadosos enterraron a Estevo e fixeron por el un gran pranto.
- 3En canto a Saulo, maltrataba a Igrexa: entraba polas casas, arrastraba homes e mulleres e mandábaos á cadea.
EXPANSIÓN DA IGREXA POR PALESTINA
Filipe evanxeliza Samaria
- 4Os que se dispersaron, ían por todas partes anunciando a Boa Nova da Palabra.
- 5Filipe baixou á cidade de Samaria e predicoulles ao Mesías.
- 6O pobo, dun acordo, atendía ao que dicía Filipe, sentindo e vendo os sinais que facía;
- 7pois de moitos posuídos saían espíritos impuros a berros, e moitos paralíticos e coxos quedaban curados.
- 8A cidade encheuse de alegría.
- 9Había un home naquela cidade, chamado Simón, que exercía de meigo e pasmaba á xente de Samaria, dicíndolles ser alguén importante.
- 10Todos, desde o máis pequeno ao máis grande, facíanlle caso, porque dicían: “Este é a forza de Deus, chamada a Grande”.
- 11E facíanlle caso, porque había tempo que os tiña pasmados con meiguerías.
- 12Pero cando creron a Filipe, que anunciaba o Reino de Deus e o nome de Xesús Cristo, fixéronse bautizar homes e mulleres.
- 13O mesmo Simón tamén creu e, despois de bautizado, andaba sempre con Filipe e ficaba abraiado ao ver os sinais e milagres que se facían.
- 14Ao sentiren dicir os apóstolos que estaban en Xerusalén, que Samaria acollera a palabra de Deus, mandáronlles a Pedro e a Xoán.
- 15Baixaron logo alí, e oraron polos samaritanos, para que recibisen o Espírito Santo,
- 16pois aínda non baixara sobre ningún deles: só os bautizaran no nome do Señor Xesús.
- 17Entón, fóronlles impoñendo as mans e recibiron o Espírito Santo.
- 18Vendo Simón que pola imposición das mans dos apóstolos se daba o Espírito, ofreceulles cartos,
- 19dicindo:
__Dádeme a min tamén ese poder para que aquel a quen lle impoña as mans, reciba o Espírito Santo.
- 20Mais Pedro respondeulle:
__Así rebentes ti e mais o teu diñeiro! Ti coidas que o don de Deus se pode adquirir con cartos?
- 21Non tes parte nin sorte neste asunto, porque o teu corazón non é recto diante de Deus.
- 22Arrepíntete desa malicia túa, e pídelle ao Señor, a ver se che perdoa o sentir do teu corazón,
- 23pois vexo que estás destinado á amargura do fel e ás cadeas dos malvados.
- 24Simón respondeu:
__Rezade vós por min ao Señor, para que non me acaia nada do que acabades de dicir.
- 25Eles entón, despois de testificaren e anunciaren a palabra do Señor, volveron para Xerusalén, evanxelizando en moitas aldeas de Samaria.
Filipe evanxeliza e bautiza un etíope
- 26Un anxo do Señor faloulle a Filipe deste xeito:
__Anda, diríxete cara ao sur polo camiño que baixa de Xerusalén a Gaza, a través do deserto.
- 27Púxose en camiño e dirixiuse cara alá. Un etíope, eunuco, funcionario de Candaces, raíña da Etiopía, que estaba encargado de todos os seus tesouros, fora a Xerusalén como peregrino.
- 28De volta, sentado no seu carro, ía lendo no profeta Isaías.
- 29Díxolle o Espírito a Filipe:
__Achégate e ponte a par dese carro!
- 30Correndo Filipe, sentiu que ía lendo no profeta Isaías e preguntoulle:
__Entendes o que les?
- 31Contestoulle:
__Como o vou entender, se ninguén mo explica?
E convidou a Filipe a que subise a sentar con el.
- 32A pasaxe da Escritura que lía era esta:
- Coma ovella levárono ao matadoiro;
- e coma año mudo diante de quen o rapa,
- así El non abría a súa boca.
- 33Humillárono, negándolle a xustiza,
- quen contará a súa descendencia?
A súa vida foi arrincada da terra.
- 34Diríxíndose a Filipe, díxolle o eunuco:
__Por favor, de quen di isto o profeta: de si mesmo ou doutro?
- 35Filipe entón tomou a palabra, e, partindo desa pasaxe da Escritura, anuncioulle a Boa Nova de Xesús.
- 36De camiño, chegaron a un sitio con auga e dixo o eunuco:
__Aquí hai auga, por que non me podo bautizar eu?
- 38E mandou parar o carro. Baixaron os dous á auga, Filipe e mais o eunuco, e Filipe bautizouno.
- 39Cando subiron da auga, o Espírito do Señor arrebatou a Filipe. O eunuco xa non o viu máis, pero seguiu o seu camiño cheo de alegría.
- 40Filipe atopouse en Azoto e evanxelizaba todas as vilas por onde pasaba, ata chegar a Cesarea.