OS FEITOS DOS APÓSTOLOS - Capítulo 9
Capítulo 9
Conversión de Saulo
- 1Saulo, respirando aínda ameazas e morte contra os discípulos do Señor, presentouse ao Sumo Sacerdote
- 2e pediulle cartas para as sinagogas de Damasco, a fin de que, se encontraba algúns que fosen deste novo camiño, tanto homes coma mulleres, os puidese levar presos a Xerusalén.
- 3De camiño, cerca xa de Damasco, aconteceu que, de súpeto, unha luz do ceo o envolveu co seu fulgor.
- 4Caeu no chan e sentiu unha voz que lle dicía:
__Xaúl, Xaúl, por que me persegues?
- 5El preguntou:
__Quen es ti, Señor?
Contestoulle:
__Eu son Xesús a quen ti persegues.
- 6Pero érguete, entra na cidade, e xa se che dirá o que tes que facer.
- 7Os compañeiros de viaxe quedaron parados, estupefactos: sentían a voz, mais non vían a ninguén.
- 8Saulo ergueuse do chan, pero, malia ter os ollos abertos, non vía nadiña. Levárono pola man e introducírono en Damasco.
- 9Alí botou tres días sen ver, sen comer e sen beber.
- 10Había en Damasco un discípulo, chamado Ananías, e o Señor díxolle nunha visión:
__Ananías!
El respondeu:
__Aquí estou, Señor!
O Señor volveulle falar:
- 11__Vai á rúa Dereita, e procura na casa de Xudas a un home chamado Saulo de Tarso, que está orando.
- 12(En visión, viu Saulo a un home chamado Ananías entrar e impoñerlle as mans para que recobrase a vista).
- 13Ananías respondeu:
__Señor, teño oído falar moito dese home e do mal que lles ten feito aos teus santos en Xerusalén.
- 14E aquí ten poderes dos xefes dos sacerdotes, para prender a todos os que invocan o teu nome.
- 15Pero o Señor díxolle:
__Vai, que ese home é un instrumento escollido por min, para levar o meu nome diante dos pagáns, dos seus reis e mais dos israelitas.
- 16Heille mostrar o que ten que sufrir polo meu nome!
- 17Entón Ananías, poñéndose en camiño, entrou na casa, e impoñéndolle as mans, díxolle:
__Irmán Saulo, mándame o Señor Xesús –que se che apareceu no camiño polo que viñas–, para que recobres a vista e te enchas do Espírito Santo.
- 18No instante, quitáronselle dos ollos coma unhas escamas e recuperou a vista; ergueuse, e bautizouse.
- 19Despois comeu e volvéronlle as forzas.
Saulo en Damasco
Pasou algúns días cos discípulos de Damasco, - 20e axiña comezou a predicar a Xesús nas sinagogas, proclamando que era o Fillo de Deus.
- 21Todos os que o sentían ficaban pasmados e dicían:
__Pero non é este o que en Xerusalén fixo estragos entre os que invocan ese Nome, e viñera aquí para os levar presos diante dos sumos sacerdotes?
- 22Pero Saulo con máis ánimos confundía aos xudeus de Damasco, demostrando que Xesús era o Mesías.
- 23Logo de bastantes días, os xudeus ordenaron de o matar,
- 24mais Saulo chegou a saber o que andaban argallando. Día e noite vixiaban as portas da cidade, para lle daren morte.
- 25Pero algúns dos seus discípulos collérono de noite e descolgárono pola muralla, metido nun cesto.
Saulo en Xerusalén e en Tarso
- 26Chegado a Xerusalén, procuraba xuntarse cos discípulos; pero todos lle tiñan medo, non crendo que fose discípulo de verdade.
- 27Pero Bernabé, colleuno consigo e levouno onda os apóstolos. Saulo contoulles que vira o Señor no camiño, que lle falara e que en Damasco predicara publicamente no nome de Xesús.
- 28Conviviu con eles en Xerusalén, predicando con ousadía no nome do Señor.
- 29Falaba e discutía tamén cos helenistas, pero estes queríano matar.
- 30Ao sabelo, os irmáns levárono para Cesarea e fixérono seguir a Tarso.
A Igrexa medra en toda Palestina
- 31Daquela, a Igrexa tiña paz en toda a Xudea, Galilea e mais Samaria. Crecía coma un edificio, progresaba na fidelidade ao Señor e coa asistencia do Espírito Santo ía aumentando en número.
Pedro visita as Igrexas: curación dun paralítico
- 32Pedro, que as percorría todas, baixou visitar os santos que vivían en Lida.
- 33Encontrou alá un tal Eneas, que xacía paralítico nun catre desde había oito anos.
- 34Díxolle Pedro:
__Eneas: Xesús Cristo vaite curar. Érguete e fai ti mesmo o teu leito!
E axiña se puxo en pé.
- 35Todos os habitantes de Lida e de Sarón vírono e convertéronse ao Señor.
Pedro devólvelle a vida a Tabita
- 36Había en Iope unha discípula de nome Tabita (que traducido quere dicir “Gacela”), chea de boas obras e de caridades.
- 37Por aqueles días enfermou e morreu. Despois de a lavaren, puxérona no cuarto de arriba.
- 38Como Lida está cerca de Iope, sentindo dicir os discípulos que Pedro estaba alí, mandáronlle dous homes con este recado: “Non tardes en achegarte aquí!”.
- 39Pedro foi con eles. Cando chegou levárono á sala de arriba onde se lle presentaron chorando todas as viúvas, amosándolle as túnicas e os mantos que facía a Gacela cando estaba con elas.
- 40Pedro entón, mandou saír a xente toda, púxose de xeonllos e orou; despois volveuse ao cadáver e dixo:
__Tabita, érguete!
Ela abriu os ollos e, ao ver a Pedro, incorporouse.
- 41Pedro colleuna pola man, levantouna e, chamando os santos e as viúvas, presentóullela viva.
- 42Isto sóubose en toda a cidade de Iope e moitos creron no Señor.
- 43Pedro, ficou bastantes días en Iope, na casa dun curtidor chamado Simón.