CARTA AOS ROMANOS - Capítulo 1
Capítulo 1
Saúdo
- 1Paulo, servo de Cristo Xesús, chamado para ser apóstolo, escollido para o Evanxeo de Deus,
- 2que El prometera antes por medio dos seus profetas nas Escrituras santas,
- 3e que trata do seu Fillo Xesús Cristo o noso Señor, que como home naceu da semente de David,
- 4pero que polo Espírito santificador foi constituído Fillo de Deus con pleno poder ao ser resucitado dos mortos.
- 5Por medio del recibimos o don de ser apóstolos, para promovermos entre todos os pobos xentís a obediencia da fe, en honor do seu nome.
- 6Entre eles tamén vos contades vós, chamados por Xesús Cristo.
- 7A todos os predilectos de Deus, que estades en Roma, chamados a serdes santos, deséxovos graza e paz de parte de Deus noso Pai e do Señor Xesús Cristo.
Limiar
- 8Primeiro de todo, doulle grazas ao meu Deus por medio de Xesús Cristo, a causa de todos vós, porque a vosa fe ten sona no mundo enteiro.
- 9Deus, a quen dou culto no fondo do meu corazón anunciando o Evanxeo do seu Fillo, sabe moi ben que eu me estou a lembrar a cotío de vós
- 10en todas as miñas oracións, rogando que, se é a súa vontade, eu teña por fin a satisfacción de vos ir visitar como sexa.
- 11Teño moita gana de vos ver, para repartir convosco algún don espiritual que vos fortaleza;
- 12é dicir, para nos animar mutuamente coa fe duns e doutros: a vosa e mais a miña.
- 13Ademais quero que saibades, irmáns, que moitas veces me propuxen irvos visitar, coa intención de recoller algún froito tamén entre vós, coma entre os outros pagáns e polo de agora non puido ser.
- 14Estou en débeda con gregos, con estranxeiros, con sabios e con ignorantes;
- 15así que, en canto dependa de min, estou disposto a vos anunciar o Evanxeo tamén a vós, os de Roma.
A XUSTIFICACIÓN
Enunciación do tema
- 16Porque eu non me avergonzo do Evanxeo, que é unha forza de Deus para a salvación de todo o que cre; primeiramente do xudeu, pero tamén do grego.
- 17Porque nel a xustificación de Deus revélase desde a fe e para a fe, tal como está escrito: o que é xusto, pola fe, vivirá.
Toda a humanidade pechada no pecado
- 18Ademais estase manifestando a ira de Deus desde o ceo sobre toda impiedade e inxustiza dos homes, que coa inxustiza asoballan a verdade.
- 19Porque o que se pode coñecer de Deus téñeno ben a vista, que Deus llelo puxo diante dos ollos.
- 20Porque o que de Deus é invisible, é dicir, a súa potencia eterna e a súa divindade, resúltalle visible, desde que o mundo é mundo, a quen reflexiona sobre as súas obras; de xeito que non teñen escusa.
- 21Porque, cando coñeceron a Deus, non o loaron como tal, nin lle deron grazas; máis ben, parvearon con matinacións baleiras e o seu corazón insensato encheuse de tebras:
- 22téndose por moi listos volvéronse parvos,
- 23que trocaron a gloria do Deus inmortal por imaxes corruptibles de homes, de paxaros, de bestas e de réptiles.
- 24Por iso Deus abandonounos ás cobizas dos seus corazóns e chegaron a envilecer os seus propios corpos,
- 25por trocaren o Deus verdadeiro por un falso, e por honraren e daren culto á criatura en lugar do Creador (Bendito e loado polos séculos! Amén!).
- 26Por iso abandonounos Deus ás paixóns degradantes: as súas mulleres cambiaron o uso natural polo que é contra a natureza.
- 27E os homes, outro tanto: deixaron o uso natural da muller, arderon en cobizas duns polos outros, homes con homes, cometendo torpezas e recibindo o pagamento do seu extravío en si mesmos.
- 28E, como lles pareceu inadmisible seguir recoñecendo a Deus, Deus abandonounos ao perverso pensamento de faceren o que non é decente.
- 29Están ateigados de toda clase de inxustiza, maldade, cobiza, perversidade; cheos de envexa, de homicidios, de rifas, de enganos, de depravación; son detractores,
- 30murmuradores, inimigos de Deus, inxuriadores, soberbios, fachendosos, inventores de males, rebeldes cos seus pais;
- 31sen xuízo, sen palabra, sen afecto, sen misericordia.
- 32Eles coñecen ben a xustiza de Deus, que castiga coa morte aos que tal fan; pero, aínda así, eles fano e, por riba, apláudenlle a quen o faga.