CARTA AOS ROMANOS - Capítulo 11
Capítulo 11
En Israel Deus reservou un “resto”
- 1Pero entón pregunto: e non será que Deus rexeitou o seu pobo? De ningunha maneira. Pois tamén eu son israelita, da proxenie de Abraham, pola tribo de Benxamín:
- 2non rexeitou Deus ao seu pobo, o pobo que El escolleu. Ou é que non sabedes o que di a Escritura na historia de Elías? Como interpela a Deus en contra de Israel:
- 3Señor, mataron aos teus profetas, desfixeron os teus altares; quedei eu soamente, e aínda buscan a miña vida.
- 4Pero, que lle responde a voz divina?: Reservei para min sete mil homes, que non dobraron o xeonllo perante Baal.
- 5Da mesma maneira, tamén neste intre de agora, reservou un resto elixido por pura graza.
- 6Ora, se foi por graza, non foi polas obras; outramente a graza xa non sería graza.
- 7Entón que? Que Israel non logrou o que andaba a buscar, mentres que o lograron os elixidos. Os demais endurecéronse,
- 8como está escrito:
- Deulles Deus un espírito aparvado,
- ollos para non veren e oídos para non oíren,
- ata o día de hoxe.
- 9E David di:
- Tróquese a súa mesa en gaiola e mais en rede,
- en tropezo e mais en castigo para eles.
- 10Entebrezan os seus ollos para non veren;
- dóbrelles o lombo para sempre.
A salvación dos xentís
- 11Sigo preguntando: E eles tropezaron para non se ergueren máis? De ningunha maneira. Ao contrario, pola súa caída veulles a salvación aos xentís, a fin de espertar neles os celos.
- 12Ora que, se a súa caída foi riqueza do mundo e a súa perda foi riqueza dos xentís, que non será a súa plenitude?
- 13Isto dígovolo a vós, os xentís. E, como apóstolo que son dos xentís, fago gala deste ministerio,
- 14por ver se esperto celos nos da miña xente e podo así salvar a algúns deles.
- 15Se a súa reprobación foi reconciliación do mundo, que será a súa acollida, senón unha auténtica vida, que xorde de entre os mortos?
- 16Se as primicias son santas, tamén o será a masa restante; e se a raíz é santa, tamén o serán as pólas.
- 17Esgallaron algunhas das pólas e a ti (que es unha oliveira brava) enxertáronte nelas e fixécheste participante da raíz e do zume da oliveira.
- 18Non te gabes de ser máis que as pólas. Se te pos por máis, pensa que non es ti quen leva á raíz, senón a raíz a ti.
- 19Poida que digas: esgallaron as pólas precisamente para me enxertaren a min.
- 20De acordo: esgalláronas pola incredulidade e ti, en troques, pola fe manteste en pé. Pero non te enchas de fachenda e anda con moito ollo.
- 21Que se Deus non perdoou as pólas naturais, vaite perdoar a ti?
- 22Considera a bondade e a severidade de Deus: para os que caeron, severidade; en troques, para ti a bondade de Deus, con tal de que permanezas nesa bondade; do contrario, tamén a ti te esgallará.
- 23E o mesmo eles; se non se afincan na incredulidade, volverá enxertalos, porque Deus é poderoso para os volver enxertar.
- 24Pois se a ti te tallaron da túa nativa oliveira brava e contra a natureza prendiches nunha boa oliveira, canto mellor agromarán eles na oliveira da súa mesma caste!
Restauración de Israel
- 25Non quero, irmáns, que descoñezades este misterio, a fin de que non vos fiedes da vosa sabedoría: que a cegueira dunha parte dos israelitas vai durar ata que entre a totalidade dos xentís;
- 26e así salvarase a totalidade de Israel, como está escrito:
- Sairá de Sión o Salvador,
- afastará de Xacob a impiedade,
- 27e este será o meu pacto con eles,
- cando lles arrinque os seus pecados.
- 28Tocante ao Evanxeo, son inimigos en proveito voso; pero tocante á elección, son amados por causa dos patriarcas.
- 29Pois os dons e a chamada de Deus son irrevogables.
- 30Porque vós fostes noutrora desobedientes a Deus, pero agora conseguistes a misericordia por desobediencia deles.
- 31Do mesmo xeito: tamén eles agora non creron, para que, con ocasión da misericordia usada convosco, tamén eles logren misericordia.
- 32Porque Deus encerrou a todos os homes na desobediencia, para se compadecer de todos.
- 33Que fondos son a riqueza, a sabedoría e o coñecemento de Deus! Que inescrutables son os seus xuízos e inexplorables os seus camiños!
- 34Pois, quen coñeceu a mente do Señor? Ou quen foi o seu conselleiro?
- 35Quen lle emprestou algo, para que El llo teña que devolver?
- 36Del saíron, por El e para El existen todas as cousas. A El a gloria polos séculos. Amén.