CARTA AOS ROMANOS - Capítulo 12
Capítulo 12
A VIDA CRISTIÁ
A nova vida en Cristo
- 1Rógovos, logo, irmáns, pola misericordia de Deus, que ofrezades os vosos corpos como sacrificio vivo, santo, grato a Deus: como o voso culto espiritual.
- 2E non vos axustedes ao mundo presente. Transformádevos, máis ben, pola renovación da mente, para que poidades coñecer cal é a vontade de Deus: o bo, o que lle agrada, o perfecto.
- 3En virtude da graza que se me deu, dígovos, por tanto, a todos e a cada un de vós: que ninguén se teña por máis do que convén, senón que un se teña no que se debe ter, conforme á medida da fe que Deus lle deu a cadaquén.
- 4Do mesmo xeito que nun só corpo temos moitos membros, e non todos os membros teñen a mesma función,
- 5así nós, con sermos moitos, somos un só corpo en Cristo; e individualmente somos membros uns dos outros.
- 6Pero, ao termos dons diferentes, hanse exercer conforme á graza que se nos concedeu: se temos don de profecía, debe ser en harmonía coa fe;
- 7se de ministerio, no servizo; se de ensinanza, no ensino;
- 8se de consolación, no conforto; se de dar esmola, con xenerosidade; o que preside, con solicitude; o que se compadece, con alegría.
Consellos para a vida cristiá
- 9Que o amor non sexa finxido: afastádevos do mal e apegádevos ao ben:
- 10sede cariñosos uns cos outros, coma irmáns; competide na estima mutua;
- 11no traballo non teñades preguiza; no espírito, afervoados; para o Señor, coma escravos.
- 12Alegres na esperanza, con constancia no sufrimento, afincados na oración;
- 13solidarios nas necesidades dos santos e practicando a hospitalidade.
- 14Bendicide aos que vos perseguen, bendicide e non maldigades.
- 15Alegrádevos cos que están alegres, chorade cos que choran.
- 16Tédevos na mesma estima uns a outros: non vos deades aires de grandeza, senón acomodádevos aos humildes. Non vos teñades por moi sabidos.
- 17Non volvades mal por mal a ninguén: que todo o mundo vexa que procurades o ben.
- 18No posible, en canto dependa de vós, mantede a paz con todos os homes.
- 19Meus queridos amigos, non tomedes por vós mesmos a vinganza; deixade máis ben que actúe a ira de Deus, pois está escrito: miña é a vinganza, eu darei o merecido, di o Señor.
- 20Pero se o teu inimigo ten fame, dálle de comer; se ten sede, dálle de beber: obrando así, amoreas brasas acesas enriba da súa cabeza.
- 21Non te deixes vencer polo mal, senón vence o mal a forza de ben.