CARTA AOS ROMANOS - Capítulo 13
Capítulo 13
Hai que obedecer ás autoridades
- 1Sométase toda persoa ás autoridades constituídas. Pois non hai autoridade senón por disposición de Deus; e as que existen, instituíunas Deus.
- 2De xeito que quen se opón á autoridade oponse á disposición de Deus; e os que se opoñen buscan o propio castigo.
- 3A autoridade non pon medo cando se obra ben, senón cando se obra mal. Queres vivir sen medo á autoridade? Fai o ben, e terás a súa gabanza.
- 4Pois ela é para ti servidora de Deus para o ben. Mais se fas o mal, tenlle medo, porque non en balde leva a espada: ela é servidora de Deus, vingadora da súa ira contra o que practica o mal.
- 5Así, cómpre obedecer non só por medo ao castigo, senón por deber de conciencia.
- 6Por iso mesmo pagades os tributos, pois son funcionarios de Deus, decote dedicados a este oficio.
- 7Dádelle a cada un o que lle é debido: tributo, imposto, respecto ou honor, segundo o caso.
O amor fraterno
- 8A ninguén lle debades nada, fóra de amarvos uns a outros, xa que o que ama o próximo, ten cumprida a Lei.
- 9Porque o non adulterarás, non matarás, non roubarás, non cobizarás e todos os outros mandamentos, resúmense nestas palabras: amarás o teu próximo coma a ti mesmo.
- 10Quen ama o seu próximo non lle fai mal. Verdadeiramente, o amor é o pleno cumprimento da Lei.
Vixilancia e pureza
- 11E con máis razón sabendo o tempo no que vivimos: xa é hora de que espertedes do sono, pois agora a salvación xa está mais cerca de nós que cando empezamos a crer.
- 12A noite vai andada, e o día está a chegar: rexeitemos as obras das tebras e vistamos as armas da luz.
- 13Coma en pleno día camiñemos decentemente, nada de lupandas nin borracheiras, nada de obscenidades nin libertinaxe, nada de liortas nin envexas.
- 14En lugar diso vestídevos do Señor Xesús Cristo, e non lles fagades caso aos baixos apetitos.