CARTA AOS ROMANOS - Capítulo 15
Capítulo 15
Facerlles ben aos demais
- 1Nós, os que estamos seguros, temos que aturar as feblezas dos inseguros, e non compracernos a nós mesmos.
- 2Cada un de nós compraza ao seu próximo para o ben, con miras á edificación.
- 3Pois tampouco Cristo non se compraceu a si mesmo; ao contrario, como está escrito: as aldraxes dos que te aldraxaban a ti caeron enriba de min.
- 4Ora, todo canto antigamente se escribiu, escribiuse para a nosa instrución: para que entre a nosa paciencia e o consolo que dan as Escrituras, manteñamos a esperanza.
- 5Que o Deus da paciencia e do consolo vos faga ter un mesmo sentir entre vós, conforme o exemplo de Cristo Xesús.
- 6Para que cun só corazón e unha soa boca loedes a Deus, Pai do noso Señor Xesús Cristo.
- 7Por iso, acollédevos uns a outros, como tamén Cristo vos acolleu, para gloria de Deus.
- 8Pois dígovos que Cristo se fixo servidor dos xudeus en razón da fidelidade de Deus, para lles mostrar a firmeza das promesas feitas aos patriarcas;
- 9e tamén para que os xentís, pola súa parte, glorifiquen a Deus en razón da súa misericordia. Tal como está escrito:
- Por iso loareite por medio das nacións e cantarei himnos ao teu nome.
- 10E de novo di:
- Alegrádevos, nacións, xuntamente co seu pobo.
- 11E noutro lugar:
- Loade ao Señor todas as nacións,
- e celébreno todos os pobos.
- 12E tamén di Isaías:
- Abrollará a raíz de Iexé,
- e xurdirá o que vai dominar as nacións,
- e nel poñerán a esperanza os xentís.
- 13Que o Deus da esperanza vos encha de alegría e de paz na vosa fe, para que rebordedes na esperanza pola forza do Espírito Santo.
EPÍLOGO
Ministerio apostólico de Paulo
- 14Eu sei moi ben, meus irmáns, que tamén vós estades cheos de bondade, ateigados de toda sabedoría, e capacitados para vos aconsellar uns a outros.
- 15Con todo, escribinvos __cun chisco de atrevemento__ para avivar as vosas lembranzas. Fíxeno en virtude da graza que me deu Deus,
- 16para ser eu ministro de Cristo Xesús en favor dos xentís, exercendo de sacerdote en servizo do Evanxeo de Deus, a fin de que a ofrenda dos xentís sexa agradable, xa que a santificou o Espírito Santo.
- 17Por tanto, no tocante ao servizo de Deus, os meus motivos de orgullo están en Cristo Xesús.
- 18Pois non me atrevería a falar de nada, fóra do que Cristo, para conseguir a obediencia dos xentís, fixo por min de palabra e de obra,
- 19a forza de milagres e prodixios e polo poder do Espírito. De maneira que desde Xerusalén e arredores ata o Ilírico, completei a predicación do Evanxeo de Cristo.
- 20De tal xeito que tiven a honra de evanxelizar onde nunca se falou de Cristo, para non edificar enriba de alicerces alleos;
- 21senón como está escrito:
- Verano aqueles aos que aínda non se lles falara del,
- e comprenderán aqueles que nunca oíran.
Proxecto de viaxe a Hispania pasando por Roma
- 22Foi isto mesmo o que decote me impedira ir onda vós.
- 23Mais agora, ao non me quedar xa lugar nestas rexións e, como hai moitos anos que estou con ganas de ir ata onda vós,
- 24cando vaia a Hispania espérovos ver de paso e que vós me facilitedes a viaxe; aínda que primeiro quero gozar un pouco convosco.
- 25Arestora vou ir a Xerusalén para facer un servizo aos irmáns,
- 26pois Macedonia e Acaia quixeron facer unha colecta a prol dos pobres que hai entre os crentes de Xerusalén.
- 27Así o quixeron, e con razón, posto que están en débeda con eles. Porque, se os xentís tiveron parte nos seus bens espirituais, deben tamén á súa vez partillar con eles os materiais.
- 28Rematado este asunto e entregada oficialmente esa colecta, viaxarei para Hispania, pasando por aí.
- 29Sei que indo por onda vós irei coa plena bendición de Cristo.
- 30E agora pídovos, irmáns, polo noso Señor Xesús Cristo e polo amor que inspira o Espírito, que loitedes comigo, dirixindo as vosas oracións a Deus por min;
- 31para que me vexa ceibo dos incrédulos de Xudea e que os irmáns acollan ben este meu servizo en Xerusalén.
- 32Desa maneira poderei ir ledo onda vós e, se Deus quere, repousarei convosco.
- 33Que o Deus da paz vos acompañe a todos. Amén.