CARTA AOS ROMANOS - Capítulo 16
Capítulo 16
Recomendación e saúdos
- 1Recoméndovos a Febe, nosa irmá, que é diaconisa da Igrexa de Céncreas.
- 2Acollédea como cristiáns dun xeito digno dos crentes e axudádea en todo canto lle cumpra, pois tamén ela axudou a moitos, empezando por min.
- 3Dádelles saúdos a Prisca e Áquila, os meus colaboradores na obra de Cristo Xesús.
- 4Todos eles estaban dispostos a pór o pescozo pola miña vida e a todos lles estou moi agradecido, non só eu, senón todas as igrexas dos xentís.
- 5Saúdos á igrexa que se xunta na casa del. Saúdos a Epéneto, o meu amigo, que é a primicia da Igrexa de Asia para Cristo.
- 6Saúdos para María, que tanto se molestou por vós.
- 7Saúdos para Andrónico e Xunias, os meus parentes e compañeiros de cárcere. Eles son insignes entre os apóstolos e creron en Cristo antes ca min.
- 8Saúdos para Ampliato, o meu querido no Señor.
- 9Saúdos para Urbano, colaborador meu na obra de Cristo, e para o meu querido Eustaquio.
- 10Saúdos para Apeles, xenuíno discípulo en Cristo. Saúdos para todos os da casa de Aristóbulo.
- 11Dádelle saúdos ao meu parente Herodión. Saúdos para os de Narciso, que se conservan fieis ao Señor.
- 12Saúdos a Trifene e Trifosa, que traballan polo Señor. Saúdos á querida Pérside, que tanto traballou polo Señor.
- 13Saúdos a Rufo, escolleito do Señor, e a súa nai, que tamén o é miña.
- 14Saúdos para Asíncrito, para Flegonte, para Hermes, para Patrobas, para Hermas e para os irmáns que viven con eles.
- 15Saúdos tamén a Filólogo, a Xulia, Nereo e a súa irmá, e a Olimpio e a todos os santos que están con eles.
- 16Saudádevos uns a outros co ósculo litúrxico. Mándanvos saúdos todas as igrexas de Cristo.
- 17Rógovos, irmáns, que vos gardedes dos que son causa de divisións e de escándalo en contra da doutrina que aprendestes e arredade deles.
- 18Todos eses non serven a Cristo noso Señor, senón ao seu propio ventre, e con palabras amorosas e adozadas extravían os corazóns dos inocentes.
- 19A sona da vosa fe chegou a todas partes. Alégrome ben por vós. Pero quero que sexades listos para o ben e inocentes para o mal.
- 20O Deus da paz esmagará a Satanás ben axiña debaixo dos vosos pés. A graza do noso Señor Xesús vos acompañe.
- 21Mándanvos saúdos Timoteo, o meu axudante, e Lucio e Iasón e Sosípatro, os meus parentes.
- 22Saúdovos no Señor, eu, Tercio, que pasei a limpo esta carta.
- 23Mándavos saúdos Gaio, hospedeiro meu e de toda a igrexa.
- 24Saúdavos Erasto, o tesoureiro da cidade e mais o noso irmán Cuarto.
Doxoloxía
- 25A aquel que é potente para vos afiuzar no meu Evanxeo e no anuncio de Xesús Cristo, conforme á revelación do misterio escondido durante tempos eternos,
- 26pero manifestado agora polas Escrituras proféticas, e por disposición do Deus eterno dado a coñecer a todas as nacións para as levar á obediencia da fe,
- 27a Deus, o único sabio, por medio de Xesús Cristo, sexa a gloria para sempre. Amén.