CARTA AOS ROMANOS - Capítulo 2
Capítulo 2
Mesmo os xudeus están no pecado
- 1Por iso, non tes escusa ti, home, quenquera que sexas, cando xulgas; pois ao dares sentenza contra outros, estaste condenando a ti mesmo, xa que fas aquilo mesmo que xulgas condenable.
- 2Pois sabemos que o xuízo de Deus contra todos os que tales cousas fan está conforme coa verdade.
- 3Seica pensas, home, que por xulgares os que fan esas cousas (facendo como fas ti o mesmo) xa vas escapar por iso ao xuízo de Deus?
- 4Ou é que abusas da súa inesgotable bondade, do seu aguante e da súa paciencia, e non te decatas de que esa benignidade de Deus está tratando de te encamiñar cara á conversión?
- 5Na medida da túa dureza e do teu impenitente corazón estás amoreando ira contra ti mesmo para o día da ira e da manifestación do xusto xuízo de Deus.
- 6Pois El daralle a cadaquén conforme aos seus feitos:
- 7aos que perseveran nas boas obras e buscan a gloria, a honra e a inmortalidade, halles dar vida eterna;
- 8pero aos que só pensan no seu e non seguen a verdade, senón a inxustiza, halles dar castigo e ira.
- 9Tormento e estreitura para todos cantos cometen o mal, primeiramente para o xudeu, pero tamén para o grego;
- 10gloria, honor e paz para todo o que fai o ben, primeiro para o xudeu, pero tamén para o grego.
- 11Pois Deus non actúa con favoritismo:
- 12os que pecaron sen estaren baixo a Lei, perecerán sen a Lei; e os que pecaron dentro da Lei, serán xulgados por medio da Lei.
- 13Pois non abonda escoitar a Lei para estar a ben con Deus, senón que cómpre practicala para recibir o seu beneplácito.
- 14Cando os pagáns, con non teren Lei, practican naturalmente o que manda a Lei, entón aínda faltándolles a Lei, eles son lei para si mesmos.
- 15E así amosan que levan escrito nos seus corazóns o efecto da Lei: failles de testemuña a súa propia conciencia, e de acusadores ou defensores os seus razoamentos.
- 16Así será no día en que por medio de Xesús Cristo xulgue Deus as cousas escondidas dos homes conforme ao Evanxeo que eu predico.
A circuncisión exterior e a Lei non valen
- 17Imos ao caso: ti que te consideras xudeu e confías na Lei e presumes de Deus;
- 18ti que coñeces a súa vontade e, adoutrinado pola Lei, acertas o que é mellor;
- 19que estás convencido de seres guía dos cegos, luz dos que están na escuridade,
- 20educador dos ignorantes, mestre dos simples, porque tes na Lei a representación do saber e da verdade.
- 21Ben, pois ti, que adoutrinas aos outros, non te adoutrinas ti? Ti, que predicas que non se roube, roubas?
- 22Ti, que dis que non se pode adulterar, adulteras? Ti, que abominas dos ídolos, roubas nos templos?
- 23Ti, que te gabas de ter a Lei, deshonras a Deus transgredindo a Lei?
- 24Por iso, como está escrito, pola vosa culpa maldín os pagáns o nome de Deus.
- 25Certo, a circuncisión é útil, se practicas a Lei; pero, se ti es un transgresor da Lei, a circuncisión convértese en incircuncisión.
- 26Pois, se o que é incircunciso practica o que manda a Lei, non é certo que a súa incircuncisión se volve circuncisión?
- 27Fisicamente non está circuncidado, pero, se cumpre a Lei, hate de xulgar a ti, que, con teres a Escritura e a circuncisión, es transgresor da Lei.
- 28Porque non é xudeu quen o aparenta externamente, nin é auténtica a circuncisión só na carne;
- 29senón que é xudeu quen o é por dentro: e a verdadeira circuncisión é a do corazón, por obra do Espírito, non pola letra: ese tal recibe a gabanza non dos homes, senón de Deus.