CARTA AOS ROMANOS - Capítulo 3
Capítulo 3
Obxeccións
- 1Cal é, logo, a vantaxe do xudeu? Para que vale a circuncisión?
- 2Moita, en todos os sentidos. En primeiro lugar porque se lle confiaron as palabras de Deus.
- 3Que importa que algúns non cresen? Ou é que a incredulidade deles vai anular a fidelidade de Deus?
- 4De ningunha maneira. Quede ben claro que Deus é veraz, e que todo home é mentireiro, como está escrito:
Os teus argumentos amosarán a túa inocencia e no xuízo sairás vencedor.
- 5Pero se a nosa inxustiza fai salientar a xustiza de Deus, que diremos? Falando ao xeito humano: non será inxusto Deus, descargando a súa ira?
- 6De ningunha maneira. Se así fose, como vai xulgar Deus o mundo?
- 7Xa, pero se, por contraste coa nosa mentira, a verdade de Deus queda destacada para a gloria súa, por que por riba se me condena como pecador?
- 8E por que non dicir xa (como algúns con calumnia din que dicimos nós): “Fagamos o mal para que resulte o ben?”. Esa xente merece a condenación.
- 9En resumidas contas, temos algunha vantaxe? En definitiva, ningunha, pois acabamos de deixar convictos tanto aos xudeus coma aos gregos, de estaren todos baixo o pecado.
- 10Como está escrito:
- Non hai nin sequera un xusto,
- 11non hai nin un ben asisado,
- nin un que busque a Deus.
- 12Todos se extraviaron, xuntamente se perderon;
- non hai quen faga o ben,
- non hai nin un.
- 13Sartego aberto é a súa gorxa,
- coas súas linguas tecen dolos,
- veleno de víbora hai nos seus beizos.
- 14A súa boca está chea de maldición e amargura.
- 15Lixeiros son os seus pés para verter sangue,
- 16sufrimento e miseria deixan nos seus camiños,
- 17non atoparon camiño de paz.
- 18O temor de Deus non existe para eles.
- 19Ora ben, sabemos que canto se di na Lei refírese aos que están baixo a Lei: para que toda boca quede pechada, e todo o mundo quede convicto ante Deus.
- 20Porque ninguén se poderá xustificar ante El polas obras da Lei, xa que a Lei só serve para dar conciencia do pecado.
A xustificación só vén pola fe
- 21Mais agora, con total independencia da Lei, manifestouse a xustiza de Deus, a que atestaran a Lei e mais os Profetas.
- 22Esta é a xustiza de Deus por medio da fe en Xesús Cristo, para todos os que cren. Porque non hai distinción ningunha:
- 23todos pecaron, e carecen da gloria de Deus.
- 24Pero todos quedan xustificados, sen o mereceren, pola súa graza, mediante a redención que se realizou en Cristo Xesús.
- 25Pois Deus púxoo a El como propiciatorio no que, pola fe, se expían os pecados mediante o seu sangue. Así mostra que era xusto cando deixaba sen castigo os pecados cometidos antes,
- 26no tempo da paciencia de Deus, ao demostrar agora a súa xustiza no tempo presente; de xeito que se vexa que El é xusto e que xustifica a quen ten fe en Xesús.
- 27Onde está, logo, o orgullo? Quedou eliminado.
Por que Lei? ¿Pola das obras? Non; pola lei da fe.
- 28Pois afirmamos que o home é xustificado pola fe, con independencia das obras da Lei.
- 29Ou é que Deus é Deus dos xudeus soamente? Non o é tamén dos xentís? Certo, tamén dos xentís.
- 30Porque hai un só Deus, que xustificará a ambos: aos circuncisos pola fe, e aos incircuncisos tamén pola fe.
- 31Logo coa fe derrogamos a Lei? De ningunha maneira, máis ben a confirmamos.