CARTA AOS ROMANOS - Capítulo 4
Capítulo 4
O exemplo de Abraham
- 1Que diremos, entón, que conseguiu Abraham, o proxenitor da nosa estirpe?
- 2Porque, se Abraham foi xustificado polas obras, ten razón de se gabar. Si, pero non diante de Deus. 3Porque, que di a Escritura?: Fiouse Abraham en Deus e iso valeulle a xustificación.
- 4Ao traballador non se lle conta o xornal como regalo, senón como algo debido.
- 5En troques, ao que non traballa, pero que se fía daquel que xustifica ao impío, a súa fe válelle para xustificación.
- 6Xa David declara ditoso o home a quen Deus lle concede a xustiza sen as obras:
- 7Benia aqueles a quen se lles perdoaron as súas iniquidades,
- aos que lles enterraron os seus pecados.
- 8Benia o home a quen o Señor
- non lle ten en conta o pecado.
- 9Ora ben, esta benaventuranza tócalles só aos circuncisos ou tócalles tamén aos incircuncisos? Pois dicimos: A Abraham a fe valeu a xustificación.
- 10Pero, como lle valeu? Estando na circuncisión ou na incircuncisión? Non na circuncisión, senón na incircuncisión.
- 11E recibiu o sinal da circuncisión como marca da xustificación que recibira pola fe, estando aínda na incircuncisión. Desa maneira chegou a ser pai de todos os crentes incircuncisos, para que se lles conte como xustificación;
- 12e pai tamén daqueles circuncisos que non só están circuncidados, senón que ademais seguen as pegadas da fe que o noso pai Abraham tivo antes de se circuncidar.
A promesa cúmprese por medio da fe
- 13Pois a promesa a Abraham ou á súa liñaxe, de que el herdaría o mundo, non se lle fixo pola Lei, senón pola xustificación da fe.
- 14Xa que se fosen herdeiros pola Lei, a fe quedaría baleira e a promesa non se cumpriría:
- 15porque a Lei o que fai é traer a ira, dado que onde non hai Lei, tampouco hai infracción.
- 16Por iso a promesa depende da fe, para que sexa por graza, e así se manteña firme para toda a liñaxe: non só para o que nace na Lei, senón tamén para o que nace pola fe de Abraham,
- 17conforme está escrito: púxente como pai de moitas nacións, el é pai de todos nós ante o Deus en quen el creu, o que fai vivir os mortos e que chama á existencia mesmo ás cousas que non existen.
- 18Contra toda esperanza el creu na esperanza de ser pai de moitas nacións, como se lle dixera: así será a túa liñaxe.
- 19E non abalou na fe, aínda que ben vía que o seu corpo xa estaba morto __tiña ao pé de cen anos__ e que morto estaba tamén o seo de Sara.
- 20Ante a promesa de Deus non dubidou por incredulidade, senón que se fortaleceu na fe, dando gloria a Deus,
- 21plenamente seguro de quen é poderoso para cumprir o que promete.
- 22Por iso valeulle a xustificación.
- 23Estas palabras non se escribiron soamente por el,
- 24senón tamén por nós. Pois tamén nos vai “valer” a nós que cremos naquel que resucitou dos mortos a Xesús, noso Señor,
- 25que foi entregado por culpa dos nosos pecados e foi resucitado por mor da nosa xustificación.