CARTA AOS ROMANOS - Capítulo 5
Capítulo 5
A SALVACIÓN
A salvación, efecto da xustificación
- 1Xustificados, logo, pola fe, estamos en paz con Deus, por medio do noso Señor Xesús Cristo.
- 2Por El temos tamén entrada a esta graza na que nos mantemos; e estamos orgullosos coa esperanza de lograr a gloria de Deus.
- 3E non só isto, senón que estamos orgullosos nas tribulacións, sabendo que a tribulación xera a paciencia,
- 4a paciencia proba a fidelidade e a fidelidade produce a esperanza.
- 5E a esperanza non falla, porque o amor de Deus vértese nos nosos corazóns mediante o Espírito Santo, que se nos deu.
- 6De certo, xusto cando nós aínda estabamos sen forzas, no tempo preciso, Cristo morreu polos impíos.
- 7Non é fácil, en verdade, que alguén queira morrer por un home xusto (aínda que por un home bo, quizais se atreva alguén a morrer…);
- 8pero Deus demostrounos o seu amor no feito de que, sendo aínda nós pecadores, Cristo morreu por nós.
- 9Con máis razón logo, agora que xa estamos xustificados polo seu sangue, seremos por El salvos da ira.
- 10Porque, se cando eramos aínda inimigos, fomos reconciliados con Deus mediante a morte do seu Fillo, moito máis, xa reconciliados seremos salvos pola súa vida.
- 11Aínda máis: mesmo orgullosos estamos en Deus por medio do noso Señor Xesús Cristo, por quen agora recibimos a reconciliación.
Adán e Cristo
- 12Isto enténdese cun exemplo: o pecado entrou no mundo por un home só, pero como polo pecado entrou a morte, a morte pasou a todos os homes e, en consecuencia, todos quedaron incursos no pecado.
- 13Porque, de feito, antes da Lei había pecado no mundo; aínda que o pecado non se ten en conta cando non hai Lei;
- 14a pesar diso, a morte dominou desde Adán ata Moisés, mesmo sobre aqueles que non pecaron cunha transgresión semellante á de Adán. E Adán é unha figura arquetípica daquel que está para vir.
- 15Pero de ningún modo hai comparanza entre o delito e o don. Porque, se polo delito dun morreron todos os demais, moito máis polo favor dun home, Xesús Cristo, a graza e o don de Deus rebordaron sobre todos.
- 16Nin pasou co don o mesmo que coas consecuencias do pecado dun único home: porque o xuízo, partindo dunha soa transgresión, rematou en condena; en troques, o don, partindo de tantos delitos, rematou en absolución.
- 17Se, logo, pola transgresión dun home reinou a morte, e por culpa dun só, canto máis os que recibiron a abundancia da graza e do don da benevolencia reinarán na vida por medio dese un que é Xesús Cristo!
- 18Por tanto, como pola transgresión dun só veu a condenación sobre todos os homes, así tamén pola xustificación doutro só vén para todos os homes a xustificación que dá a vida.
- 19Como a desobediencia dun único home volveu pecadores a todos os homes, así tamén a obediencia dun só volveu xustos a todos.
- 20Porque a Lei entrou para que a transgresión abundase; pero onde abundou o pecado, sobreabundou a graza,
- 21para que, como reinou o pecado traendo a morte, así tamén a graza reinaría pola xustiza, que produce a vida eterna, por medio de Xesús Cristo noso Señor.