CARTA AOS ROMANOS - Capítulo 6
Capítulo 6
Mortos no pecado, vivos en Cristo
- 1Que diremos logo? Manterémonos no pecado, para que abunde a graza?
- 2De ningunha maneira. Os que xa morremos ao pecado, como imos vivir aínda nel?
- 3Ou ignorades que a cantos nos bautizaron para Cristo Xesús, bautizáronos para unirnos á morte del?
- 4Enterrámonos, logo, con el polo bautismo para a morte, para que, como Cristo foi resucitado dos mortos pola gloria do Pai, así tamén nós camiñemos nunha vida nova.
- 5Pois se fomos enxertados nel pola semellanza dunha morte coma a del, seguro que tamén o seremos por unha resurrección semellante.
- 6Tendo en conta isto, o noso home vello foi crucificado, para que fose destruído o corpo pecador, a fin de non servirmos máis ao pecado.
- 7Porque o que morre queda liberado do pecado.
- 8Se xa morremos con Cristo, cremos que tamén viviremos con El;
- 9e ben sabemos que Cristo, resucitando dos mortos, xa non morre máis, a morte xa non pode nada contra El.
- 10Porque o seu morrer foi un morrer ao pecado para sempre, mais o seu vivir é un vivir para Deus.
- 11Así tamén, vós considerádevos mortos ao pecado, pero vivos para Deus en Cristo Xesús.
- 12Que non domine o pecado o voso corpo mortal, para obedecerdes as súas cobizas.
- 13Nin ofrezades os vosos membros como armas da inxustiza ao servizo do pecado. Máis ben poñédevos á disposición de Deus, como mortos que volvestes á vida. E ofrecede os vosos membros como armas da xustiza ao servizo de Deus.
- 14Porque o pecado non vos dominará, que non estades xa debaixo da Lei, senón debaixo da graza.
Liberados do pecado
- 15E logo, que? Ímonos pór a pecar, porque xa non estamos baixo a Lei, senón baixo a graza? De ningunha maneira.
- 16Ben sabedes que se vos ofrecedes a alguén como escravos para o obedecer, sodes escravos dese a quen obedecedes: se ao pecado, para acabar na morte; se á obediencia, para acadar a xustificación.
- 17Pero, grazas a Deus, vós, aínda que erades escravos do pecado, obedecestes de corazón a doutrina fundamental á que vos entregaron;
- 18e, liberados do pecado, fixéstesvos escravos da xustiza
- 19(falo á maneira humana por mor da vosa natural limitación). Así que, do mesmo xeito que antes puxestes os vosos membros ao servizo da inmoralidade e da desorde para caerdes na anarquía moral, así agora ponde os vosos membros ao servizo da xustiza para chegardes á santidade.
- 20Cando erades escravos do pecado, estabades ceibos fronte á xustiza.
- 21Que froito sacastes entón daquilo do que agora vos avergonzades? Porque a fin diso é a morte.
- 22Agora, en troques, liberados do pecado e feitos escravos de Deus, tedes como froito a santidade e como fin a vida eterna.
- 23Pois o xornal do pecado é a morte, pero o regalo de Deus é a vida eterna en Cristo Xesús noso Señor.