CARTA AOS ROMANOS - Capítulo 7
Capítulo 7
Liberados da Lei
- 1Ou descoñecedes, irmáns __falo para os que coñecedes a Lei__ que a lei domina no home unicamente mentres vive?
- 2Así a muller casada está sometida pola lei ao home mentres lle vive; pero, se morre o home, queda liberada da vinculación legal a el.
- 3Por iso, se mentres lle vive o home, vai con outro, será adúltera; pero, se lle morre o home, queda libre desa lei; de forma que xa non será adúltera se casa con outro home.
- 4Así que, meus irmáns, tamén vós quedastes mortos para a Lei mediante o corpo de Cristo, para pertencerdes a outro: a aquel que resucitou dos mortos; de xeito que deamos froitos para Deus.
- 5De feito, cando estabamos na nosa condición irredenta, os degoros do pecado suscitados pola Lei influían nos nosos membros, a fin de que frutificásemos para a morte.
- 6Pero agora, mortos a aquilo que nos encadeaba, quedamos liberados da Lei, de modo que poidamos servir na novidade do espírito e xa non máis na decrepitude da letra.
Relación entre a Lei e o pecado
- 7Temos que concluír, logo, que a Lei é pecado? De ningunha maneira. Non obstante, eu non coñecín o pecado senón pola Lei, porque non coñecería a cobiza se a Lei non dixese “non cobizarás”.
- 8O pecado, aproveitando a ocasión que lle ofrecía o mandamento, fixo inzar en nós toda clase de cobiza; fóra da Lei o pecado está morto.
- 9De feito houbo un tempo no que eu non estaba baixo a Lei, e vivía; pero, ao aparecer a Lei, recobrou a vida o pecado
- 10e morrín eu. Atopeime así con que o mandamento, que era para dar vida, daba a morte.
- 11Porque o pecado, aproveitando a ocasión que lle ofrecía o mandamento, extravioume e, valéndose del, levoume á morte.
- 12Por conseguinte, en si a Lei é santa e o mandamento santo, xusto e bo.
- 13Resulta, logo, que o que era bo se fixo morte para min? Non, abofé. Pero o pecado, valéndose do que era bo, causoume a morte, mostrándose así no seu auténtico carácter de pecado; dese xeito, grazas ao mandamento, resalta extraordinariamente o carácter criminal do pecado.
- 14Certo que sabemos que a Lei é espiritual; pero eu son carnal, vendido como escravo ao pecado.
- 15Realmente, o que fago non o entendo: posto que non fago aquilo que quero, senón que fago precisamente aquilo que detesto.
- 16E, se o que fago é o que non quero, con iso recoñezo que a Lei é boa.
- 17Pero entón xa non son eu o que obro, senón, máis ben o pecado que mora en min.
- 18Pois sei que non é o ben o que mora en min, é dicir, na miña condición irredenta, porque o querer está dentro de min, pero o obrar o ben, non.
- 19Pois non fago o ben que quero, senón que fago o mal que non quero.
- 20E se o que fago é xustamente o que non quero, non son eu quen o fai, senón o pecado que mora en min.
- 21Atopo, por tanto, en min esa lei: que, ao querer facer o ben, o que me sae é o mal.
- 22Na intimidade do meu ser comprázome coa Lei de Deus,
- 23pero vexo outra lei no meu corpo, que lle fai a guerra á lei da miña razón, escravizándome á lei do pecado, que levo no meu corpo.
- 24Pobre de min! Quen me librará deste meu corpo instrumento da morte?
- 25Pero, si: grazas a Deus por medio de Xesús Cristo o noso Señor!
Así que eu mesmo coa razón sirvo á Lei de Deus, pero cos baixos instintos á lei do pecado.