CARTA AOS ROMANOS - Capítulo 8
Capítulo 8
A vida no Espírito
- 1Como consecuencia: nin resto de condenación hai agora para os que están unidos a Cristo Xesús.
- 2Porque a lei do Espírito, que rexe a vida unida a Cristo Xesús, libroume da lei do pecado e da morte.
- 3Pois o imposible para a Lei, por estar incapacitada por culpa da nosa condición irredenta, realizouno Deus mandando, por cousa do pecado, o seu propio Fillo nunha condición semellante á condición do pecado, condenou o pecado nesa propia condición.
- 4Deste xeito o mandato da Lei pode cumprirse en nós, que non vivimos xa conforme a esa condición, senón conforme ao Espírito.
- 5Pois os que viven conforme aos baixos instintos buscan as cousas dos mesmos, pero os que viven conforme o Espírito buscan as do Espírito.
- 6A cobiza dos baixos instintos é morte, pero a arela do espírito é vida e paz.
- 7Porque a cobiza da baixa condición é inimiga de Deus, posto que non se somete á Lei de Deus, nin sequera pode;
- 8e os que viven conforme tal condición non poden agradar a Deus.
- 9Pero vós non vivides así, senón conforme ao Espírito, posto que o Espírito de Deus habita en vós: se algún non ten o Espírito de Cristo, ese non é de Cristo.
- 10Se Cristo está en vós, o voso corpo certamente está morto por culpa do pecado, mais o Espírito é vida por causa da xustiza.
- 11Se o Espírito do que resucitou dos mortos a Xesús habita en vós, o mesmo que resucitou a Cristo dos mortos vivificará os vosos corpos mortais polo seu Espírito que habita en vós.
- 12Polo tanto, irmáns, somos de certo debedores; pero non da baixa condición, para vivirmos segundo ela.
- 13Porque, se vivides segundo a baixa condición, teredes que morrer pero, se coa axuda do Espírito mortificades as obras do corpo, viviredes.
- 14Cantos se deixan guiar polo Espírito de Deus, eses son fillos de Deus.
- 15Pois non recibistes un espírito de escravitude, para volverdes ao medo. Non. Vós recibistes un espírito de fillos adoptivos, grazas ao que podemos gritar: “Abbá!”: Pai!
- 16Este mesmo Espírito, xuntamente co noso, dá testemuño de que somos fillos de Deus.
- 17E, se fillos, tamén herdeiros: herdeiros de Deus e coherdeiros con Cristo; xa que, se padecemos con el, é para sermos tamén despois glorificados con el.
A gloria vindeira
- 18Pois penso que non hai comparanza entre os padecementos da vida presente e a gloria vindeira, que se vai revelar en nós.
- 19Pois a esperanza viva da creación agarda ansiosa a revelación dos fillos de Deus.
- 20Porque a creación está sometida ao fracaso; non pola propia vontade, senón polo poder daquel que a someteu, aínda que coa esperanza
- 21de que tamén a mesma creación será liberada da escravitude da corrupción e levada á salvación gloriosa dos fillos de Deus.
- 22Pois sabemos que toda a creación vén xemendo ata hoxe e coma con dores de parto.
- 23E non só isto, senón que nós mesmos, que temos xa as primicias do Espírito, xememos dentro de nós, degorando pola filiación, pola liberación do noso corpo.
- 24Pois é en esperanza como estamos salvados. Ora que, a esperanza do que se ve non é esperanza, pois o que un xa ve, como o pode esperar?
- 25Pero, se esperamos o que non vemos, demostramos esperar con constancia.
O Espírito en nós
- 26Do mesmo xeito, tamén o Espírito acode a axudar a nosa debilidade. Nós non sabemos como debemos orar para pedir o que convén; pero o Espírito en persoa intercede por nós con xemidos máis fondos que as palabras.
- 27E o Deus que escruta os corazóns, coñece a intención do Espírito, pois El intercede polos crentes, conforme á vontade de Deus.
- 28Sabemos ademais que todo colabora para o ben dos que aman a Deus, dos que foron escolleitos segundo os seus designios.
- 29Pois El distinguiunos primeiro e predestinounos a reproducirmos a imaxe do seu Fillo, de tal maneira que el sexa o primoxénito entre moitos irmáns.
- 30E a eses que predestinou, tamén os chamou; e a eses que chamou, tamén os xustificou; e a eses que xustificou, tamén lles deu a súa gloria.
O amor de Deus
- 31Que máis se pode dicir despois disto? Se Deus está connosco, quen contra nós?
- 32Aquel que non aforrou a seu propio Fillo senón que o entregou por todos nós, como non nos vai regalar todo xunto con El?
- 33Quen acusará aos escolleitos de Deus? Sendo Deus o que perdoa,
- 34quen os vai condenar? Cristo Xesús, o que morreu, mellor, o que resucitou, o que está á dereita de Deus e que intercede por nós?
- 35Quen nos pode arredar do amor de Cristo? A tribulación, a angustia, a persecución, a fame, a nudez, o perigo, ou a espada?
- 36Porque está escrito:
Por causa túa estamos ás portas da morte o día enteiro, parecemos ovellas listas para o sacrificio.
- 37Pero en todas estas cousas vencemos coa axuda daquel que nos amou.
- 38Porque estou seguro de que nin a morte nin a vida, nin os anxos nin os principados, nin o presente nin o porvir, nin as potestades,
- 39nin a altura nin o abismo, nin calquera outra criatura nos poderá afastar do amor que Deus nos ten en Cristo Xesús, noso Señor.