CARTA AOS ROMANOS - Capítulo 9
Capítulo 9
O MISTERIO DE ISRAEL
A elección de Israel
- 1Como discípulo de Cristo digo a verdade, non minto, e dáme disto testemuño a miña propia conciencia, alumada polo Espírito Santo:
- 2que teño moi grande dor e o meu corazón sofre seguido.
- 3Quixera ser eu mesmo maldito, apartado de Cristo, por mor dos meus irmáns, os meus parentes de estirpe.
- 4Eles son israelitas e a eles pertencen a adopción filial, a gloria de Deus e as alianzas, a lexislación, o culto e as promesas;
- 5a eles pertencen os patriarcas; e deles vén Cristo como home. O Deus que está sobre todo, sexa bendito polos séculos. Amén.
- 6Non é, de ningún xeito, que a palabra de Deus fallase. O que pasa é que non todos os que veñen de Israel son israelitas,
- 7nin todos os que nacen de Abraham son fillos seus. Máis ben: en Isaac estará a túa descendencia;
- 8isto é, non os fillos da carne son por iso fillos de Deus, senón que só os fillos da promesa son recoñecidos como descendencia.
- 9Pois as palabras da promesa son: Por este mesmo tempo virei e Sara terá un fillo.
- 10Pero isto non é todo. Tamén Rebeca tivo dous fillos dun só home, de Isaac, o noso pai.
- 11E, cando aínda non naceran, nin puideran facer nada, nin bo nin malo __a fin de que continuase firme o plan de Deus, que depende da súa elección:
- 12non das obras senón del, que chama__ xa se lle dixo a Rebeca: o máis grande servirá ao máis pequeno,
- 13tal como está escrito: quixen a Xacob, preferino a Esaú.
- 14Tiramos, logo, a conclusión de que Deus é inxusto? De ningunha maneira.
- 15Pois díxolle a Moisés:
- Heime compadecer de quen eu queira,
- e hei ter misericordia de quen eu queira.
- 16Polo tanto, non depende do querer ou do correr do home, senón de que Deus se compadeza.
- 17Pois di a Escritura ao faraón: Para isto te levantei: para mostrar en ti o meu poder e para que se proclame o meu nome en toda a terra.
- 18En resumo: de quen quere compadécese, e a quen quere enduréceo.
Liberdade e misericordia de Deus
- 19Quizais me dirás: por que aínda se queixa, logo? Quen é capaz de contradicir a súa vontade?
- 20Home! E quen es ti para contradicires a Deus? Poderalle dicir o barro a quen o modela: por que me fas así?
- 21Ou non ten poder o oleiro para facer da mesma masa un cacharro nobre ou un cacharro para usos comúns?
- 22E que, se Deus, querendo mostrar a súa ira e dar a coñecer o seu poder, soportou con moita paciencia aos que eran obxecto de reprobación, listos xa para a destrución;
- 23e isto para dar a coñecer a abundancia da súa gloria en favor dos que eran obxecto de misericordia, que de antemán preparou para a gloria?
- 24(Estes somos nós, que nos chamou non só de entre os xudeus, senón tamén de entre os xentís).
- 25Pois iso é o que se di en Oseas:
- Hei chamar “meu pobo” a quen non é o meu pobo,
e á non amada, “a miña amada”; - 26e no lugar onde se lles dixo:
“
- vós non sodes o meu pobo”,
alí mesmo hanse chamar “fillos do Deus vivo”.
- 27E Isaías proclama a propósito de Israel:
- Aínda que o número dos fillos de Israel sexa coma o das areas do mar,
- hase salvar un resto soamente:
- 28Totalmente e sen tardanza cumprirá o Señor a súa palabra na terra.
- 29E conforme dixo tamén Isaías:
- Se o Señor dos Exércitos
- non nos deixase unha descendencia,
- pasaríanos coma aos de Sodoma,
- semellariámonos aos de Gomorra.
Israel seguiu a Lei
- 30Temos que concluír, logo, que os pagáns, que non buscaban xustificación, conseguiron a xustificación? Si, pero a xustificación que vén da fe.
- 31Israel, en cambio, que buscou con gran esforzo unha lei que dese a xustificación, non conseguiu tal lei.
- 32E por que? Porque non a buscaron pola fe, senón polas obras: bateron na pedra
- 33da que fala a Escritura:
- Ollo! Que poño en Sión unha pedra de tropezo, un rebo que fai caer; pero quen crea nel non quedará defraudado.