SEGUNDA CARTA AOS CORINTIOS - Capítulo 1
Capítulo 1
Saúdo e acción de grazas
- 1Paulo, apóstolo de Xesús Cristo por designio de Deus, e o irmán Timoteo, á Igrexa de Deus que está en Corinto e a todos os cristiáns da Acaia enteira, deséxovos a
- 2graza e a paz de Deus noso Pai e do Señor Xesús Cristo.
- 3Bendito sexa Deus, Pai do noso Señor Xesús Cristo, Pai misericordioso e Deus de toda consolación!
- 4El anímanos en todas as nosas mágoas, de xeito que poidamos nós animar aos outros en calquera aflición, no consolo que recibimos de Deus,
- 5pois, do mesmo modo que rebordan en nós os sufrimentos de Cristo, tamén grazas a Cristo reborda igualmente o noso ánimo.
- 6Se pasamos apertos, é para que vós teñades ánimo e vos salvedes; se estamos animados, é para que vós teñades ánimo e aturedes con paciencia os mesmos sufrimentos que padecemos nós.
- 7Sodes para nós motivo de firme esperanza, porque sabemos que, se sodes participantes nas mágoas, tamén o seredes no ánimo.
- 8Non queremos que descoñezades, irmáns, as tribulacións que pasamos en Asia, cargados por riba das nosas forzas, ata perder a esperanza de saírmos con vida.
- 9Porque tivemos sobre nós a sentenza de morte. Así aprendemos a non poñermos a confianza en nós senón en Deus, que resucita os mortos.
- 10El foi quen nos librou de tan evidente perigo de morte e hanos de seguir librando __confiamos nel, que nos librará no futuro__,
- 11se colaborades tamén vós coa vosa oración en favor noso. Así, a graza conseguida pola intercesión de moitos fará tamén que moitos dean grazas por cousa nosa.
Os motivos do seu comportamento
- 12O noso orgullo é o testemuño da nosa conciencia, de nos comportar no mundo __e non digamos convosco__, coa santidade e transparencia de Deus, non con sabedoría humana senón por graza de Deus,
- 13porque non vos escribimos outra cousa do que ledes e entendedes. Espero que comprendades de vez,
- 14xa que nos entendestes en parte, que somos o motivo da vosa honra, como vós o ides ser para nós, o día do noso Señor Xesús.
- 15Precisamente con esta confianza propúñame comezar eu por visitarvos, para que tivésedes un dobre regalo.
- 16Pensaba ir a Macedonia pasando por onda vós, e de Macedonia ir outra vez onda vós, para me arranxardes a viaxe a Xudea.
- 17Actuei con lixeireza cando programei así? Ou é que eu fago os meus plans con miras humanas, de xeito que non quede ben claro en min o si coma un si e o non coma un non?
- 18Ben sabe Deus que, cando trato convosco, non hai si e non,
- 19porque o Fillo de Deus, Cristo Xesús, que nós vos anunciamos __Silván, Timoteo e mais eu__, non foi si e non: nel non houbo máis ca si;
- 20todas as promesas de Deus encontraron nel o si: velaí o porqué de respondermos “amén” por el cando damos gloria a Deus.
- 21O que nos mantén firmes __a min e a vós__ na adhesión a Cristo é Deus, que nos unxiu para si,
- 22que tamén nos marcou co seu selo e infundiu nos nosos corazóns a garantía do seu Espírito.
- 23Pola miña parte, poño a Deus por testemuña (e que me quite a vida se vos minto) que, se aínda non volvín a Corinto, foi por consideración convosco.
- 24Non é que a vosa fe dependa de min; pero son colaborador da vosa alegría, pois, de certo, estades seguros na fe.