SEGUNDA CARTA AOS CORINTIOS - Capítulo 10
Capítulo 10
A autoridade de Paulo
- 1Eu, Paulo en persoa, pídovos isto, pola paciencia e benignidade de Cristo: eu, que na vosa presenza parezo coitado pero que, ausente, son ousado convosco.
- 2Pídovos que, cando vaia, non teña que poñerme atrevido coa firmeza que creo deber usar con algúns que nos acusan de camiñar con miras humanas.
- 3Aínda que camiñamos como homes, non actuamos movidos por miras humanas.
- 4Porque as armas do noso combate non son terreais: son poderes de Deus, capaces de abater fortalezas; destruímos sofismas
- 5e toda altivez que se ergue contra o coñecemento de Deus; encadeamos todo pensamento á obediencia, someténdoo a Cristo;
- 6e estamos prontos a vingar toda rebeldía, unha vez que a vosa submisión sexa cumprida.
- 7Mirade ben! O que estea convencido de ser de Cristo, que teña en conta tamén que nós somos tan de Cristo coma el.
- 8E, aínda que teña que alardear un pouco de máis da nosa autoridade (que o Señor nos concedeu para edificación e non para destrución vosa), non me hei avergonzar;
- 9así non darei a impresión de querervos amedrentar coas cartas,
- 10porque algúns din: “Por carta é duro e enérxico, pero en persoa é coitado e non fala ben”.
- 11Pense ese tal que, como somos de palabra nas cartas estando ausentes, así imos ser de obra cando esteamos presentes.
- 12Xa non nos atrevemos a equipararnos ou a compararnos con algúns deses que tanto se chufan. Pero a eses, con tanto se poñeren de modelos de si mesmos e con tanto se compararen consigo mesmos, xa non lles goberna a cabeza.
- 13Pola nosa parte, non nos queremos gabar de máis, senón conforme a medida que estableceu Deus para nós, a medida de chegar ata vós.
- 14Non é como se non chegásemos a vós e tivésemos que nos estirar, pois fomos os primeiros en chegar a vós co Evanxeo de Cristo.
- 15Nin nos gloriamos de máis nin nos gloriamos á conta de traballos alleos; pero tiñamos a esperanza de que, segundo se ía espallando a fe entre vós, iámonos multiplicar máis e máis, conforme a nosa idea,
- 16para levar o Evanxeo alén dos vosos eidos, sen presumir do traballo alleo meténdonos en terreo xa cultivado.
- 17O que presume, que presuma do Señor,
- 18porque non queda aprobado o que se pon unha alta cualificación, senón aquel a quen lla pon o Señor.