SEGUNDA CARTA AOS CORINTIOS - Capítulo 12
Capítulo 12
As revelacións concedidas
- 1Xa que toca presumir __aínda que non está ben facelo__, acudirei ás visións e revelacións do Señor.
- 2Sei dun cristián a quen hai catorce anos (se foi no corpo ou fóra do corpo non o sei, iso sábeo Deus) levaron ata o terceiro ceo.
- 3E sei que a ese home (se foi no corpo ou fóra do corpo non o sei, iso sábeo Deus)
- 4o levaron ao paraíso e oíu palabras inefables, que non se lle permiten pronunciar ao ser humano.
- 5De tal home presumirei. Pola miña parte, con todo, só me gabarei das miñas fraquezas.
- 6Aínda que, se eu quixer presumir, non sería un insensato, pois só diría a verdade, mais desisto para que ninguén me valore por enriba do que ve ou oe de min.
- 7E, debido á grandeza das revelacións, por iso, para que non teña soberbia, espetóuseme un aguillón na carne: un emisario de Satanás, para que me pegue lapotes, e así non teña orgullo.
- 8Por tres veces pedinlle ao Señor que o arredase de min,
- 9pero respondeume: “Chégache coa miña graza: a forza vese cumprida na fraqueza”. Daquela presumirei con gusto das miñas debilidades, para que así resida sobre min a forza de Cristo.
- 10E por iso gozo nas fraquezas, nas afrontas, nas necesidades, persecucións e angustias que sufro por Cristo, porque, cando estou débil, entón é cando son poderoso.
- 11Sei que acabo de falar aloucadamente: pero fostes vós os que me forzastes a iso. Era eu quen debía ser acreditado por vós, pois, aínda que eu non sexa ninguén, en nada fun menos do que eses superapóstolos.
- 12Os signos do apóstolo realizáronse entre vós na constancia a toda proba e nos sinais, prodixios e milagres.
- 13En que fostes vós inferiores ás demais igrexas? Só nisto: en que non vos ocasionei gastos. E perdoádeme a palabra...
Preparando a próxima visita
- 14Ben. Xa estou preparado para ir por terceira vez onda vós, e tampouco agora non vos serei gravoso, que eu non busco as vosas cousas: eu búscovos a vós, pois non son os fillos os que teñen que xuntar para os pais, senón os pais para os fillos.
- 15Pola miña parte, con gusto me gastarei e desgastarei polas vosas vidas. Pero, por querervos eu máis da conta, ídesme vós querer menos?
- 16“Ben __pensarán algúns__, efectivamente eu non vos fun gravoso; pero, como son moi renarte, atrapeivos con engano”.
- 17Vexamos. É que eu vos explotei por medio dalgún dos que vos mandei?
- 18Pedinlle a Tito que fose e con el mandei outro irmán. Será que Tito vos explotou? Logo non actuamos os dous co mesmo criterio? Non seguimos os mesmos pasos?
- 19Seguro que hai xa un pouco que coidades que nos estamos xustificando diante de vós. Pois non: falamos diante de Deus e como cristiáns. E todo é, meus queridos, para a vosa edificación.
- 20Temo que, ao chegar, non vos atope tal como eu quería, e que tampouco vós non me encontredes a min tal como desexades. Temo que haxa discordias, receos, incomodidades, rivalidades, difamacións, murmuracións, soberbias, desordes.
- 21Teño medo de que, cando vaia, o meu Deus me aflixa outra vez aí diante vosa e teña que lamentar que moitos dos que xa antes pecaran, non se arrepentiron da súa inmoralidade, libertinaxe e desenfreo.