SEGUNDA CARTA AOS CORINTIOS - Capítulo 13
Capítulo 13
- 1Vou ir por terceira vez onda vós. Todo asunto se resolverá baseándose na palabra de dúas ou tres testemuñas.
- 2Xa antes volo dixen, cando estiven entre vós a segunda vez, e repítovolo con tempo agora que estou ausente aos antigos pecadores e aos demais todos: cando vaia aí outra vez, non vou andar con miramentos.
- 3Será a proba que buscades de que fala por min Cristo, que non é débil convosco, senón que demostra o seu poder entre vós.
- 4A el crucificárono pola súa debilidade pero agora vive polo poder de Deus. E nós, que compartimos a súa debilidade, viviremos con el polo poder de Deus en favor voso.
- 5Examinádevos a vós mesmos, para ver se estades na fe; poñédevos á proba. Ou non vos decatades de que Xesús Cristo está entre vós? A non ser que esteades reprobados...
- 6Espero, con todo, que recoñezades que a nós non nos reprobaron.
- 7Pedímoslle a Deus que non vos fagades mal ningún: non por quedarmos nós ben, senón para que vosoutros practiquedes o que é bo, aínda que nós quedemos reprobados.
- 8Porque contra a verdade non podemos nada, pero si a favor da verdade.
- 9Por iso alegrámonos de ser febles, con tal de que vós sexades fortes. O que pedimos é a vosa perfección.
- 10Por iso mesmo vos escribo estas cousas mentres estou ausente, para non ter que ser tallante cando estea presente, coa autoridade que o Señor me deu para construír, non para derrubar.
Despedida
- 11Do resto, irmáns, estade alegres, procurade a perfección, dádevos azos, andade de acordo, vivide en paz, e o Deus do amor e da paz estará convosco.
- 12Saudádevos uns aos outros co ósculo santo. Mándanvos saúdos todos os cristiáns.
- 13Que a graza do Señor Xesús Cristo, o amor de Deus e a comuñón do Espírito Santo vos acompañen a todos.