SEGUNDA CARTA AOS CORINTIOS - Capítulo 2
Capítulo 2
- 1E tomei a decisión de non ir outra vez onda vós con mágoas.
- 2Porque, se eu vos entristezo, quen me vai alegrar a min, non sendo o que está magoado por causa miña?
- 3E escribinvos todo iso para que, cando eu chegase, non me causasen tristeza os que me debían producir alegría, confiado como estou en que todos facedes vosa a miña alegría.
- 4De tanta tribulación e angustia que sentía, escribinvos cheo de bágoas, pero non para vos poñer tristes, senón para que vos decatásedes do moito cariño que vos teño.
- 5Porque __sen esaxerar__ se alguén me magoou, non me magoou a min, senón dalgunha maneira a todos vós.
- 6A ese tal, abóndalle a corrección aposta pola maioría da comunidade.
- 7Agora, en troques, é mellor que o perdoedes e que o animedes, non vaia sentirse o home amargado por tanta tristeza.
- 8Por iso vos pido que lle fagades sentir o voso agarimo.
- 9Pois para iso tamén vos escribín: para coñecer a vosa compostura, a ver se sodes obedientes en todo.
- 10A quen vós perdoades algo, tamén eu o perdo: que, ben mirado, o que eu perdoo __se algo teño que perdoar__, é por causa vosa, diante de Cristo,
- 11para que Satanás non saque vantaxe de todo isto, pois non descoñecemos as súas intencións.
- 12Cando cheguei a Tróade para anunciar o Evanxeo de Cristo, aínda que tiña as portas abertas para traballar como cristián,
- 13non tiven acougo no meu espírito, por non encontrar alí o irmán Tito. Entón despedinme daquela xente e saín para Macedonia.
A salvación “en Cristo”
- 14Doulle grazas a Deus, que, unidos a Cristo, nos leva decote ao seu triunfo e que, por medio de nós, espalla por todas as partes o perfume do seu coñecemento.
- 15Porque somos recendo de Cristo para Deus, tanto entre os que se salvan coma entre aqueles que se perden:
- 16para estes somos un cheiro de morte, ao servizo da morte; para os outros, un recendo de vida, para a vida. E nestas cousas, hai alguén capaz abondo?
- 17Nós, de feito, non imos traficando coa mensaxe de Deus, coma tantos outros, senón que falamos con transparencia, como quen é de Deus e fala diante de Deus, en Cristo.