SEGUNDA CARTA AOS CORINTIOS - Capítulo 3
Capítulo 3
O ministerio da Nova Alianza
- 1Comezamos outra vez a recomendarnos? Será que, como certos individuos, precisamos de cartas de recomendación para vós ou da vosa parte?
- 2A nosa carta sodes vós: unha carta escrita nos nosos corazóns, coñecida e lida por toda a xente.
- 3Nótasevos que sodes unha carta de Cristo, redactada por nós, e non escrita con tinta senón co Espírito do Deus vivo; e non en táboas de pedra, senón en táboas de corazóns de carne.
- 4Esta é a confianza que temos diante de Deus, grazas a Cristo.
- 5Non é que de noso teñamos aptitudes para poder apuntar nada na nosa conta como cousa propia: a nosa capacidade vénnos de Deus,
- 6que nos capacitou para sermos axentes dunha alianza nova, non de letra, senón de espírito, pois a letra mata, mentres que o Espírito dá vida.
- 7Se aquela oferta de morte (letras gravadas na pedra) se volveu gloria, ata o punto de que os israelitas non podían ver o rostro de Moisés, “polo resplandor do seu rostro” (efémero e todo como era),
- 8canto máis gloriosa non será a oferta do Espírito!
- 9Porque se a oferta da condena tivo gloria, canta máis gloria vai ter a oferta da xustiza!
- 10De feito aquela gloria xa non é gloria, comparada con esta gloria desbordante.
- 11Daquela, se o efémero tivo o seu momento de gloria, canta máis gloria terá o que é permanente!
- 12Tendo entón esta esperanza, comportámonos con moita afouteza:
- 13non coma Moisés, que puña un pano por diante da cara para que os israelitas non percibisen a fin do que era caduco.
- 14E nubróuselles o entendemento, porque ata o día de hoxe permanece aínda o mesmo pano cando len o Antigo Testamento, sen se decataren de que, con Cristo, esvaece.
- 15Aínda hoxe, sempre que len a Moisés, un pano cobre os seus corazóns.
- 16“Pero cando se convertan ao Señor, quitarase o pano”.
- 17Ora, o Señor é o Espírito, e onde está o Espírito do Señor hai liberdade.
- 18E nós todos, coa cara descuberta, reflectindo coma nun espello a gloria do Señor, a súa imaxe, ímonos transformando de gloria en gloria, pola acción do Espírito do Señor.