SEGUNDA CARTA AOS CORINTIOS - Capítulo 4
Capítulo 4
As tribulacións dos apóstolos e a forza do Evanxeo
- 1Por iso, exercendo este servizo pola misericordia de Deus, non nos apoucamos;
- 2máis ben puxemos á parte todo tipo de simulación, deixándonos de intrigas e evitando falsear a palabra de Deus. Ben ao contrario, manifestando a verdade, recomendámonos nós mesmos á conciencia que todo home ten diante de Deus.
- 3Se o noso Evanxeo continúa velado, é para aqueles que se perden:
- 4pola súa incredulidade o deus deste mundo cegoulles o entendemento para que non vexan o esplendor do Evanxeo da gloria de Cristo, que é imaxe de Deus.
- 5Porque nós non nos anunciamos a nós, anunciamos a Xesús Cristo como Señor; e a nós, como servos vosos por causa de Xesús.
- 6Pois o Deus que dixo brille a luz no medio das tebras, alumou nos nosos corazóns, para que se manifestase o coñecemento da gloria de Deus no rostro de Cristo.
- 7Mais levamos ese tesouro en vasos de barro. E así esa forza tan extraordinaria aparece como forza de Deus, e non nosa.
- 8Aprétannos por todas as partes, mais non nos esmagan; andamos en apuros, mais non desesperados;
- 9andamos perseguidos, pero non abandonados; derrúbannos, pero non nos rematan.
- 10Por todas as partes levamos no noso corpo a morte de Xesús, para que a vida de Xesús se manifeste tamén no noso corpo.
- 11Porque a nós, estando vivos, entrégannos decote á morte por causa de Xesús, para que tamén a vida de Xesús se manifeste na nosa carne mortal.
- 12E así a morte actúa en nós, e a vida en vós.
- 13Mantendo, con todo, o mesmo espírito de fe, segundo o que está escrito, creo e por iso falo, tamén nós cremos e por iso falamos.
- 14Porque sabemos que Aquel que resucitou a Xesús nos ha resucitar tamén a nós con Xesús, e nos ha colocar convosco onda el.
- 15Todo isto acontece por causa vosa, de modo que, ao estenderse a graza, se multiplique o número dos agradecidos, para gloria de Deus.
- 16Por iso non nos apoucamos: aínda que o noso exterior vai esmorecendo, o interior, todo o contrario, renóvase día a día.
- 17Os sufrimentos transitorios e leves prepárannos unha inmensa carga de gloria eterna por riba de toda medida.
- 18Non poñemos as nosas olladas nas cousas que se ven, senón nas que non se ven; porque as que se ven son efémeras, mentres que as que non se ven son eternas.