SEGUNDA CARTA AOS CORINTIOS - Capítulo 5
Capítulo 5
Devezos de vida eterna
- 1Sabemos que, se a nosa morada terrestre __que vén ser coma unha cabana__, se derrubase, contamos cunha edificación de Deus, unha casa eterna no ceo, non feita por mans de homes.
- 2Por iso xememos na cabana actual, co desexo de vestirmos a morada celeste,
- 3pois así atoparémonos vestidos, non espidos.
- 4Os que vivimos nesta cabana, xememos oprimidos, porque non queremos quitar o que temos posto, senón poñer outra roupa por riba, de xeito que o mortal quedase absorbido pola vida.
- 5Quen nos dispuxo para isto foi Deus, que nos deu como garantía o Espírito.
- 6Así que estamos sempre cheos de ánimo, por sabermos que, mentres o corpo sexa o noso domicilio, vivimos coma desterrados lonxe do Señor,
- 7e seguimos camiñando, guiados pola fe, non polo que se ve.
- 8E con este ánimo, preferimos desterrarnos do corpo e habitar a carón do Señor.
- 9En todo caso, ora continuemos neste domicilio ora nos afastemos del, desexamos serlle gratos.
- 10Porque todos teremos que comparecer tal como somos perante o tribunal de Cristo, para que cada un recolla o seu merecido polo que teña feito mentres vivía no corpo: ben ou mal.
A reconciliación con Deus, por Xesús
- 11Por iso, sabendo o respecto que se lle debe ao Señor, procuramos convencer os homes, e xa que para Deus somos transparentes, confío en que tamén o sexamos ante as vosas conciencias.
- 12Non queremos outra vez recomendarnos diante de vós: só darvos a oportunidade de presumir de nós, de modo que teñades resposta para os que presumen das aparencias e non do corazón.
- 13Se perdemos o siso, foi por Deus; e, se agora estamos cordos, é por vós.
- 14É o amor de Cristo o que nos preme, cando pensamos que, ao morrer un por todos, morreron todos;
- 15El morreu por todos, co fin de que os que viven xa non vivan para si, senón para o que morreu e resucitou por eles.
- 16Por iso, nós xa non apreciamos ninguén conforme criterios mundanos; aínda que teñamos coñecido a Cristo conforme eses criterios, agora xa non o coñecemos así.
- 17Polo tanto, quen estea en Cristo, é unha criatura nova: o que era vello, pasou. Vedes? Hai unha realidade nova.
- 18E todo iso provén de Deus que nos reconciliou consigo por medio de Cristo e nos encomendou o servizo da reconciliación.
- 19Pois Deus estaba en Cristo reconciliando o mundo consigo, non levando conta dos delitos dos homes e poñendo en nós a mensaxe da reconciliación.
- 20Somos, logo, embaixadores de Cristo; e é coma se Deus vos exhortase por medio noso. Pedímosvolo por Cristo: deixádevos reconciliar con Deus!
- 21A aquel que non tiña nada que ver co pecado, Deus fíxoo pecado por nós, para que nós, grazas a el, nos volvésemos nel xustiza de Deus.