SEGUNDA CARTA AOS CORINTIOS - Capítulo 7
Capítulo 7
- 1Xa que tales promesas temos, meus amigos, limpémonos de toda inmundicia de corpo ou de espírito e completemos a santificación no temor de Deus.
Cariño de Paulo polos corintios
- 2Facédenos un sitio no voso corazón: a ninguén ofendemos, a ninguén defraudamos, a ninguén explotamos.
- 3Non o digo para vos censurar: xa vos dixen que ides tan dentro dos nosos corazóns que estamos xuntos para vivir e mais para morrer.
- 4Teño moita confianza en vós e estou orgulloso de vós. Estou moi animado e desbordo alegría no medio de todas as nosas tribulacións.
- 5Certo que tampouco ao chegar a Macedonia tivemos acougo, senón ao contrario, tribulacións por todas as partes: cara a fóra, loitas; e cara a dentro, temores.
- 6Pero Deus, que lles dá alento aos abatidos, consoloume coa chegada de Tito.
- 7Vaia, coa chegada e cos ánimos que traía de vós, contándome da vosa saúde, das vosas mágoas, da vosa ansia por min, o que me alegrou aínda máis.
- 8Por iso, a pesar de que vos contristei coa miña carta, non teño pena. Se o sentía __ao ver que aquela carta vos contristou, aínda que foi momentaneamente__,
- 9agora alégrome, non de que vos contristásedes, senón de que esa tristeza vos levase ao arrepentimento. A vosa foi unha tristeza segundo criterios de Deus, así que non perdestes nada por culpa nosa.
- 10Pois unha tristeza segundo criterios de Deus produce un arrepentimento para a salvación, sen volta atrás, mentres que a tristeza por motivos mundanos produce a morte.
- 11Velaí canta ansia provocou en vós o contristarvos segundo criterios de Deus e mesmo con que desculpas e con que indignación, con que temor, con que saudade, con que emulación, con que escarmento demostrastes de todos os modos posibles que non tiñades culpas no asunto.
- 12Así que, se vos escribín, non foi en realidade nin polo ofensor nin polo ofendido; só quería que manifestásedes diante de Deus o interese que tedes por nós.
- 13E isto foi o que nos consolou.
Ademais desta satisfacción, alegrámonos moito máis aínda ao ver a alegría de Tito, a quen tanto tranquilizastes.
- 14Se en algo presumín de vós, non quedei mal: do mesmo modo que vos dixemos sempre a verdade, así tamén as loanzas que de vós lle fixen a Tito saíron certas.
- 15E o agarimo que vos ten, medra aínda máis, ao lembrar agora a obediencia de todos vós, e como o recibistes con sumo respecto.
- 16Alégrome de poder contar convosco para todo.