SEGUNDA CARTA AOS CORINTIOS - Capítulo 8
Capítulo 8
Colecta para os cristiáns de Xerusalén
- 1Facémosvos sabedores, irmáns, da graza que Deus lles concedeu ás igrexas de Macedonia.
- 2No medio de moitas e duras tribulacións, a súa abondosa alegría e a súa extrema pobreza desbordaron nun derramo de xenerosidade.
- 3Dou testemuño de que, segundo os seus posibles e por riba deles, espontaneamente e
- 4insistentemente nos pediron o favor de poderen contribuír a axudar os outros cristiáns.
- 5E non só como esperabamos, senón que se ofreceron a si mesmos, ante todo ao Señor e despois a nós, por vontade de Deus,
- 6ata o punto de lle pedirmos a Tito que, xa que el a principiara, levase igualmente a bo termo entre vós esa obra de caridade.
- 7Xa que abundades en todo __en fe, en palabras, en ciencia, en interese por todo e en amor a nós__, que abundedes tamén nesta graza.
- 8Non é unha orde: só que, pola solicitude doutros, quede probada a autenticidade do voso amor.
- 9Ben sabedes o xeneroso que é o noso Señor Xesús Cristo: sendo rico, fíxose pobre por vós, para que vós vos fixésedes ricos coa súa pobreza.
- 10Nisto douvos un consello, pois convenvos: dado que o ano pasado tomastes a iniciativa __non só na execución, senón incluso na mesma decisión__,
- 11levade a termo agora a execución da iniciativa, de modo que, á prontitude da decisión lle corresponda a prontitude na realización, conforme as vosas posibilidades:
- 12pois se precede a boa disposición, acéptase con gusto o que se ten, non o que non se ten.
- 13Non se trata de que vós pasedes estreitezas por aliviardes a outros, senón de que exista igualdade.
- 14Neste momento a vosa abundancia pode remediar a carencia deles, para que a abundancia deles poida vir en auxilio da vosa carencia. Así haberá igualdade,
- 15de acordo co que está escrito: A quen recollía moito, non lle sobraba; e a quen recollía pouco, non lle faltaba.
Os delegados organizadores
- 16Doulle grazas a Deus porque puxo no corazón de Tito o mesmo interese por vós,
- 17porque non só aceptou a miña petición senón que, con toda dilixencia, saíu para onda vós por decisión propia.
- 18Mandamos con el o irmán tan soado en todas as igrexas polo anuncio que fai do Evanxeo;
- 19e mesmo isto o elixiron as comunidades, para que fose o meu compañeiro de viaxe nesta obra de caridade, administrada por nós para gloria do Señor, e como proba da nosa dilixencia.
- 20Así evitamos que ninguén nos poida criticar pola administración desta farturenta colecta,
- 21pois procuramos o que é bo, non só diante do Señor senón tamén diante dos homes.
- 22Mandámosvos tamén con eles outro irmán noso; del temos comprobado que é moi espelido en variados asuntos, e agora véselle aínda, se cadra, máis interese pola confianza que ten en vós.
- 23No que se refire a Tito, é compañeiro meu e colaborador nos vosos asuntos; os outros irmáns son delegados das igrexas e honra de Cristo.
- 24Dádelles, logo, probas do voso agarimo e xustificade ante eles e ante as súas comunidades o noso orgullo por vós.