SEGUNDA CARTA AOS CORINTIOS - Capítulo 9
Capítulo 9
Motivos da colecta
- 1Excuso escribirvos máis sobre esta colecta en favor dos outros cristiáns.
- 2Coñezo a vosa boa disposición, da que me gabo diante dos macedonios, para a vosa honra, dicíndolles que Acaia ten feitos todos os preparativos xa desde o ano pasado, e que a vosa ansia estimulou a moitos máis.
- 3Con todo, mándovos os irmáns, para que o noso orgullo por vós non sexa desmentido nese particular senón que, como dicía, esteades preparados:
- 4non sexa que, se os macedonios que vaian comigo vos atopan sen preparar, nós __e non digamos vós__ quedemos mal, por termos esa confianza.
- 5Por iso me pareceu necesario pedirlles aos irmáns que fosen indo diante onda vós, para que teñan preparado de antemán o xeneroso donativo que prometestes, pois no caso de estar listo, será expresión de xenerosidade, e non de mesquindade.
- 6Lembrade aquilo: quen sementa con mesquindade, tamén con mesquindade recolle; e quen sementa con xenerosidade, tamén con xenerosidade recolle.
- 7Que cadaquén dea segundo o que teña decidido no corazón, non contra gusto nin por compromiso, que Deus ama ao que dá con alegría.
- 8Deus, pode, de certo, darvos con largueza toda clase de grazas, de xeito que, tendo sempre en todo o suficiente, aínda vos sobre para todo tipo de boas obras,
- 9pois está escrito: reparte esmola aos pobres, a súa xustiza permanece para sempre.
- 10O que fornece a semente ao sementador e proporciona pan para a comida, ha multiplicar tamén a vosa sementeira e fará medrar o froito da vosa xustiza.
- 11Seredes ricos en todo, para poderdes facer todo tipo de caridades, que producirán por medio de nós gratitude a Deus.
- 12Porque a prestación desta axuda non só dá remedio ás necesidades dos outros cristiáns, senón que fai ademais que moitos non cansen de darlle grazas a Deus.
- 13Pola comprobación deste servizo loarán a Deus pola vosa obediencia ao profesar o Evanxeo de Cristo e pola expresión xenerosa da vosa solidariedade con eles e con todos.
- 14E, cando recen por vós, manifestarán a benquerenza que vos teñen, pola abundante graza de Deus en favor voso.
- 15Grazas sexan dadas a Deus, polo sublime regalo que nos deu.