CARTA AOS GÁLATAS - Capítulo 1
Capítulo 1
ENCABEZAMENTO
SAÚDOS E PROBLEMAS
- 1Paulo, nomeado apóstolo non por homes nin por encomenda humana senón por encomenda de Xesús Cristo e de Deus Pai, que o resucitou de entre os mortos,
- 2e mais os irmáns todos que están comigo, ás igrexas de Galacia:
- 3Desexámosvos a graza e a paz que veñen de Deus, Pai noso, e mais do noso Señor, Xesús Cristo,
- 4quen, conforme ao plan do noso Deus e Pai, se entregou polos nosos pecados, para nos arrincar deste mundo ruín en que vivimos.
- 5Que el sexa eternamente glorificado. Amén!
Non hai máis Evanxeo ca un
- 6Chámame moito a atención que así, tan correndiño, desertedes de quen chamou por vós á graza de Cristo, para vos facerdes doutro evanxeo.
- 7Non hai esoutro evanxeo! O que hai é que algúns vos andan a quentar a cabeza coa idea de lle dar outro xeito ao Evanxeo de Cristo.
- 8Pois mirade: Malia quen vos predique un evanxeo para engadir ao que vos predicamos nós, aínda que fósemos nós mesmos ou un anxo baixado do ceo!
- 9E volvo dicir o mesmo que vos dixen: a quen vos vaia cun evanxeo para engadir ao que recibistes, botádeo fóra!
- 10Que! Intento eu agora quedar ben cos homes ou con Deus?; ou é que loito por compracer os homes? Se a estas alturas aínda estivese procurando compracer os homes, non sería un servo de Cristo.
SECCIÓN AUTOBIOGRÁFICA: O EXEMPLO DE PAULO
Porque o manda Cristo en persoa. A conversión de Paulo.
- 11Porque fágovos saber, irmáns, que o Evanxeo que eu predico non é cousa de homes,
- 12xa que nin o recibín nin o aprendín de home ningún, senón que mo revelou Xesús Cristo.
- 13Si: vós tedes oído falar das miñas andanzas de cando estaba no xudaísmo, do furor con que dera en perseguir a Igrexa de Deus,
- 14e de como adiantaba eu no xudaísmo máis ca moitos da miña raza e do meu tempo, porque era moito máis fanático das tradicións dos meus devanceiros.
- 15Mais cando a Aquel, que xa desde o seo da miña nai me puxera á parte e chamou por min pola súa graza,
- 16lle compraceu revelarme o seu Fillo, para que volo predicase aos non xudeus, eu __sen lle pedir consellos á carne nin ao sangue,
- 17sen tan sequera subir a Xerusalén onda os que en ser apóstolos xa me levaban anos__, de hoxe para mañá, retireime á Arabia, de onde volvín de novo a Damasco.
- 18De alí a tres anos subín a Xerusalén para ir coñecer a Pedro e cabo del fiquei uns quince días.
- 19E non vin ningún apóstolo máis, fóra de Santiago, o parente do Señor.
- 20Así Deus me salve, como non vos minto nisto que vos escribo!
- 21Despois, chegueime ás terras de Siria e Cilicia.
- 22Ora, as comunidades cristiás de Xudea non chegaron a coñecerme de vista,
- 23só sentiran dicir: “Disque o que antes nos perseguía, agora predica a fe que asoballaba”;
- 24e, por isto meu, glorificaban a Deus.