CARTA AOS GÁLATAS - Capítulo 5
Capítulo 5
Cristo fíxonos libres
- 1Cristo liberounos para que vivamos en liberdade. Estádeme, logo, ben firmes nel!: que non vos canguen outra vez o xugo da escravitude!
- 2E mirade que eu, Paulo, xa vos deixo ben avisados de que, se vos facedes circuncidar, Cristo non vos vai servir de nada.
- 3E a todo o que se me faga circuncidar, eu vólvolle asegurar que queda obrigado a cumprir coa Lei enteiriña.
- 4Os que procurades na Lei a vosa xustificación, rompestes con Cristo, saístes da graza.
- 5Porque a nós o Espírito móvenos a agardar da fe os bens da xustificación esperada.
- 6Porque en Cristo Xesús estar ou non estar circuncidados non importa para nada: o único que importa é a fe que actúa a través do amor.
- 7Tan ben como iades! Quen vos poñería o pé diante para que xa non obedezades á verdade?
- 8Esta vosa idea non vén, de certo, do que vos chama:
- 9cun chisco de fermento abonda para levedar a masa toda.
- 10Mais eu teño posta a confianza no Señor en que vós haberedes pensar coma min. Iso si, ese que vos perturba ha levar o seu merecido, sexa quen sexa.
- 11E eu, meus irmáns, se disque aínda predico a circuncisión, como é que aínda me perseguen? Porque daquela estaría eliminado o escándalo da cruz.
- 12Vaites cos que vos andan a quentar a cabeza! Mágoa que non se castren eles!
SECCIÓN EXHORTATIVA: VIVIR A LIBERDADE NO ESPÍRITO
Usar ben a liberdade
- 13Irmáns, a vós chamáronvos á liberdade. Pero coidadiño con servir aos baixos instintos co gallo da liberdade! Habédesme ser escravos uns dos outros mediante o amor.
- 14Porque toda a Lei está completa neste precepto: Amarás o teu próximo coma a ti mesmo.
- 15Pero, se vos adentades e devorades, levade tento de non acabardes uns cos outros.
- 16Pois quérovos dicir que vivades conforme o Espírito e, que non cedades aos proídos do instinto.
- 17Porque os baixos instintos devecen contra o Espírito e o Espírito contra os baixos instintos: opóñense tanto entre eles, que non facedes o que de verdade queredes.
- 18Mais, se vos guiades polo Espírito, xa non estaredes máis baixo a Lei.
- 19As obras dos baixos instintos téndelas ben á vista: fornicación, adulterio, libertinaxe,
- 20idolatría, bruxerías, xenreiras, liortas, cobiza, retesías, discordias, faccións,
- 21envexas, bebedelas, enchentes e cousas polo estilo. Xa vos avisei ben avisados de que non herdarán o Reino de Deus os que tal fagan.
- 22En cambio o froito do Espírito é o amor, alegría, paz, paciencia, agarimo, bondade, formalidade,
- 23mansedume e dominio de si. Contra isto non hai Lei que valla.
Vivir no Espírito
- 24Os de Cristo Xesús crucificaron os baixos instintos coas súas paixóns e cobizas.
- 25Se vivimos no Espírito, sigamos como norma o Espírito.
- 26Non hai que ser farfalláns. Non se hai que encirrar uns cos outros. Non nos temos que envexar.