CARTA AOS GÁLATAS - Capítulo 6
Capítulo 6
Consellos de despedida
- 1Irmáns, se acaso colledes a alguén nunha falta, vós, como homes do Espírito, reprendédeo polas boas, termando cadaquén de si, que ti tamén podes ser tentado.
- 2Levade uns as cargas dos outros, que así cumpriredes coa Lei de Cristo.
- 3O que coida, así polas boas, que é algo, non sendo nada, a quen engana é a si mesmo.
- 4Bote contas cadaquén sobre os propios feitos, e daquela terá en si e non nos outros razón para estar satisfeito.
- 5Cadaquén ten que levar o seu fardel.
- 6Cando un vaia á doutrina onda outro, faga parceiro dos seus bens ao que lla ensina.
- 7Non vos levedes a engano, que de Deus non hai quen faga riso. Conforme sementes, recollerás.
- 8O que semente baixos instintos, dos baixos instintos recollerá podremia; e o que semente no Espírito, do Espírito recollerá Vida eterna.
- 9Non cansemos de facer o ben, que, como esmorecer non esmorezamos, cumprido o tempo habemos ter boa colleita.
- 10Polo tanto, fagámoslles ben a todos, mentres temos tempo, maiormente aos nosos irmáns na fe.
REMATE AUTÓGRAFO
- 11Mirade con que letras tan grandes vos escribo eu pola miña man.
- 12Os que queren quedar ben vistos no externo son xustamente os que vos queren facer circuncidar, para que non os persigan a eles pola cruz de Cristo.
- 13Pero se nin tan sequera os circuncisos cumpren coa Lei! O que queren é que vos circuncidedes vós para se gabaren da vosa circuncisión.
- 14Pero a min Deus me libre de gabarme de algo que non sexa a cruz de Cristo, na que o mundo está crucificado para min como eu para o mundo.
- 15Pois tanto ten estar circuncidado coma estar sen circuncidar. O que importa é a nova creación.
- 16A paz e mais a misericordia virán sobre todos os que se axusten a esta norma e sobre o Israel de Deus.
- 17De hoxe en diante que ninguén me veña amolar, porque levo no meu corpo as marcas de Xesús.
- 18Irmáns, que a graza do noso señor Xesús Cristo vaia convosco. Amén.