CARTA AOS EFESIOS - Capítulo 1
Capítulo 1
Saúdo
- 1Paulo, apóstolo de Cristo Xesús por vontade de Deus, aos cristiáns e crentes en Xesús Cristo:
- 2deséxovos a graza e a paz de Deus noso Pai, e do Señor Xesús Cristo.
O MISTERIO DE CRISTO E A SÚA IGREXA
Himno ao misterio salvador de Deus
- 3Bendito sexa o Deus e Pai do noso Señor Xesús Cristo, que por medio de Cristo nos bendiciu no ceo con toda clase de bendicións do Espírito!
- 4Porque nos escolleu antes da formación do mundo, para que fósemos santos e sen chata perante El polo amor.
- 5El decidiu xa daquela porfillarnos por medio de Xesús Cristo, para El, conforme o designio da súa vontade,
- 6para loanza da súa gloriosa benquerenza, coa que nos agraciou no Fillo amado,
- 7quen co seu sangue alcanzou para nós a redención e o perdón dos pecados, en proba da xenerosidade da súa graza.
- 8E fíxoa rebordar sobre nós con toda sabedoría e intelixencia,
- 9ao descubrirnos o misterio da súa vontade, conforme ao designio que El tiña
- 10para levar a historia á súa plenitude e, por medio de Cristo, levar a cabo a unidade do universo, do que hai no ceo e do que hai na terra.
- 11Por El tamén nós tivemos a sorte de resultar preelixidos segundo o designio daquel que activa todo conforme ao proxecto da súa vontade,
- 12para sermos imaxe da súa gloria os que xa antes tiñamos a esperanza en Cristo.
- 13Vós tamén, despois de escoitardes a mensaxe da verdade, o Evanxeo da vosa salvación, e crerdes nel, quedastes selados co Espírito Santo prometido,
- 14que é garantía da nosa herdanza, para redención dos que chegamos a ser propiedade del, para loanza da súa gloria.
Supremacía de Cristo, Señor de todo
- 15Por iso, tamén eu, tendo oído falar da vosa fe no Señor Xesús e do voso amor a todos os crentes,
- 16non paro de lle dar grazas a Deus por vós, recordándovos nas miñas oracións,
- 17de xeito que o Deus do noso Señor Xesús Cristo, o Pai glorioso, vos conceda espírito de sabedoría e de revelación, para coñecer o ben;
- 18que manteña iluminados os ollos da vosa alma, para que comprendades as esperanzas que abre a súa chamada, a riqueza que supón a súa gloriosa herdanza destinada aos crentes,
- 19e o extraordinario portento que é o seu poder verbo de nós, os que cremos, en consonancia co vigor da súa potencia e da súa forza,
- 20que exerceu con Cristo resucitándoo de entre os mortos e sentándoo á súa dereita nos ceos,
- 21por riba de toda soberanía, autoridade, forza e dominio, e por riba de todo título recoñecido neste mundo e tamén no vindeiro.
- 22Someteuno todo baixo os seus pés e deullo por riba de todo como cabeza á Igrexa,
- 23que é o seu corpo, a plenitude daquel que o enche todo en todas as cousas.