CARTA AOS EFESIOS - Capítulo 2
Capítulo 2
Salvados gratuitamente en Cristo
- 1E tamén vós estabades mortos polos vosos delitos e pecados,
- 2e neles camiñabades daquela seguindo os criterios deste mundo e seguindo o príncipe do poder do aire, do espírito que agora actúa nos fillos desobedientes...
- 3Entre eles viviamos daquela tamén todos nós, satisfacendo os nosos baixos instintos, cumprindo os baixos desexos e os caprichos dos instintos, sendo naturalmente fillos da ira, como os máis.
- 4Pero Deus, que é farturento en misericordia, polo grande amor que nos amosou,
- 5cando estabamos nós mortos polos nosos pecados fíxonos revivir con Cristo (salváronvos por pura benquerenza) e
- 6resucitounos con El e con El fíxonos sentar no ceo en Cristo Xesús,
- 7para mostrarlles aos séculos vindeiros a desbordante riqueza da súa graza, manifesta na bondade que tivo connosco en Cristo Xesús.
- 8Porque vos salvaron por graza, mediante a fe; e isto non vén de vós: é don de Deus;
- 9e non vén das obras, para que ninguén se dea méritos.
- 10Somos, logo, feitura del, creados en Cristo Xesús para facermos o ben no que Deus dispuxo de antemán que camiñemos.
Un só pobo reconciliado por Cristo
- 11Por iso debedes lembrar que vós, os que hai algún tempo erades xentís no corpo (tratados de incircuncisos polos da chamada circuncisión __pura obra humana no corpo__),
- 12estabades daquela sen Cristo, excluídos da cidadanía de Israel e alleos ás alianzas da promesa: viviades no mundo, sen esperanza e sen Deus.
- 13Pero vós, que antes estabades lonxe, agora grazas a Cristo Xesús estades cerca, no sangue de Cristo.
- 14El é a nosa paz: o que dos dous pobos fixo un só, derrubando a medianeira divisoria __a inimizade__, e abolindo na súa carne
- 15aquela Lei de mandamentos e normas, para crear en si mesmo cos dous unha nova humanidade, facendo a paz,
- 16e reconciliando con Deus ambos os dous nun único corpo por medio da cruz, matando nel mesmo a inimizade.
- 17El veu e anunciou a paz: paz para vós __os de lonxe__, e paz para os que estaban cerca:
- 18porque por el temos uns e outros acceso ao Pai, nun mesmo Espírito.
- 19Polo tanto, xa non sodes estranxeiros nin xente de fóra: sodes concidadáns dos crentes e membros da casa de Deus,
- 20edificados sobre o alicerce dos apóstolos e dos profetas, sendo a pedra esquinal Cristo Xesús.
- 21Sobre el toda a construción se vai erguendo ata formar un templo santo no Señor.
- 22E nesa construción tamén entrades vós, para formardes unha morada de Deus, no Espírito.