CARTA AOS EFESIOS - Capítulo 3
Capítulo 3
A misión de Paulo
- 1Por esa razón eu, Paulo, preso por mor de Cristo Xesús e por vos levar este ben a vós, os xentís...
- 2Coido que oístes falar da encomenda que a graza de Deus me fixo en favor voso:
- 3xa que por medio dunha revelación se me deu a coñecer o misterio, tal como escribín antes en poucas palabras,
- 4polo que, ao lelo, podedes esculcar como entendo eu o misterio de Cristo,
- 5que noutras xeracións non se lle dera a coñecer á humanidade como agora llelo manifesta o Espírito aos seus santos apóstolos e profetas:
- 6que os xentís son parceiros, membros do mesmo corpo e partícipes da promesa en Cristo Xesús polo Evanxeo,
- 7do que me fixo servidor a xenerosa graza que Deus me concedeu coa eficacia do seu poder.
- 8A min, o máis cativo de todos os crentes, concedéuseme o honor de anunciarlles aos xentís a inimaxinable riqueza de Cristo
- 9e amosarlles a todos a realización do misterio escondido desde sempre en Deus, que creou todas as cousas.
- 10Así desde o ceo e por medio da Igrexa dáselles a coñecer a principados e autoridades a variedade de formas da sabedoría de Deus,
- 11contidas no proxecto eterno que se levou a cabo por medio de Cristo Xesús, noso Señor.
- 12Grazas a El temos a liberdade de acceso confiado, pola fe nel.
- 13Por isto vos pido que non vos desmoralicedes polas tribulacións que paso por causa vosa, que precisamente elas son a vosa gloria.
Súplica de Paulo
- 14Por esta razón axeónllome perante o Pai,
- 15de quen toma nome toda paternidade no ceo e mais na terra,
- 16para que vos conceda __segundo a riqueza da súa gloria__, que se robusteza poderosamente en vós o home interior por medio do seu Espírito;
- 17que Cristo habite pola fe nos vosos corazóns e que teñades a vosa raíz e o voso alicerce no amor,
- 18de xeito que poidades comprender, con todo o pobo crente, o ancho, o longo, o alto e o profundo que é
- 19o amor de Cristo, que supera todo coñecemento, e así quededes satisfeitos da plenitude total, que é Deus.
Doxoloxía
- 20A aquel que, con esa potencia que actúa en nós, pode facer moito máis __inmensamente máis__ do que nós poidamos pedir ou imaxinar,
- 21a El a gloria na Igrexa e en Cristo Xesús, por todas as xeracións de séculos sen fin. Amén.