CARTA AOS EFESIOS - Capítulo 4
Capítulo 4
A VIDA NOVA EN CRISTO
Unidade no amor
- 1Polo tanto, eu, preso polo Señor, pídovos que camiñedes segundo a dignidade da chamada que recibistes,
- 2con total humildade, sinxeleza e paciencia, aturándovos uns a outros con amor,
- 3esforzándovos por manter a unidade do espírito no vínculo da paz.
- 4Hai un só corpo e un só Espírito, do mesmo xeito que se vos chamou a unha única esperanza na vosa vocación.
- 5Hai un só Señor, unha soa fe, un só bautismo,
- 6e un só Deus e Pai de todos, que está sobre todos, por todos e en todos.
- 7A cada un de nós déusenos a graza segundo a medida do don de Cristo.
- 8Por iso di a Escritura: Subiu ao alto levando cativos, e concedeulles dons aos homes.
- 9Ese “subiu”, que quere dicir senón que tamén baixou ao fondo da terra?;
- 10e o que baixou, foi o mesmo que subiu á cima do ceo para enchelo todo.
- 11E a uns fíxoos apóstolos; a outros, profetas; a outros, mensaxeiros do Evanxeo; e a outros, pastores e mestres,
- 12para fornecer cristiáns cara á tarefa do ministerio, para a edificación do corpo de Cristo,
- 13ata que todos academos a unidade na fe e no coñecemento do Fillo de Deus, a madurez do home perfecto, o desenvolvemento propio da plenitude de Cristo.
- 14Así xa non seremos nenos, batidos e levados á deriva polas ondas de calquera corrente de doutrina, á mercé do engano dos homes e de argucias demagóxicas,
- 15senón que, sendo auténticos no amor, medraremos en todo cara a Aquel que é a cabeza, Cristo.
- 16Del vén que o corpo todo –ben axustado e compacto por todas as xunturas que o alimentan, coa actividade propia de cada unha das partes–, vaia medrando, construíndose el mesmo, no amor.
Homes novos en Cristo
- 17Dígovos, polo tanto, e recoméndovos en nome do Señor, que non vivades máis coma os pagáns, coa mente baleira,
- 18coa intelixencia entebrecida, alleos á vida de Deus, pola ignorancia que hai neles, debido á cegueira do seu corazón.
- 19Os tales volvéronse insensibles, entregáronse ao vicio ata practicaren insaciablemente toda clase de inmoralidades.
- 20Vós, porén, non foi así como coñecestes a Cristo.
- 21Supoño que vos falaron del e que vos ensinaron o que responde á verdade en Xesús;
- 22isto é, que vos ispades do home vello da vida anterior, que vai esmorecendo, seducido polos seus desexos;
- 23que cambiedes a vosa actitude mental,
- 24e que vistades o home novo, creado a imaxe de Deus, na xustiza e na relixiosidade auténticas.
- 25Por iso rexeitade a mentira e dígalle cadaquén a verdade ao seu próximo, porque somos membros uns dos outros.
- 26Anoxádevos, pero non cheguedes a pecar; que o solpor non vos colla no voso incomodo,
- 27nin lle deades entrada ao demo.
- 28O que antes roubaba, que non roube máis e que se esforce en traballar honradamente coas súas mans, para poder compartir co necesitado.
- 29Que non saia da vosa boca unha palabra ruín: ao contrario, a palabra boa, para a edificación no momento preciso, para que lles faga ben aos que escoitan.
- 30Non aflixades o Santo Espírito de Deus, que vos selou para o día da redención.
- 31Arredade de vós toda retranca, carraxe, ira, berros ou aldraxes e calquera outra maldade;
- 32máis ben sede bondadosos e misericordiosos uns cos outros, perdoándovos mutuamente, como Deus vos perdoou en Cristo.