CARTA AOS EFESIOS - Capítulo 5
Capítulo 5
- 1Facédevos, logo, imitadores de Deus, como fillos queridos,
- 2e camiñade no amor, igual ca Cristo, que vos amou e que se entregou por nós como ofrenda e vítima a Deus, de recendo agradable.
- 3De inmoralidades ou de cobizas que nin sequera se fale entre vós, como corresponde a cristiáns.
- 4Nin haxa tampouco groserías, estupideces ou vulgaridades: son cousas que non proceden. En vez diso dádelle grazas a Deus.
- 5Tede por certo que quen se dea á prostitución, á inmoralidade ou á cobiza (que é unha idolatría) non herdará o Reino de Cristo e de Deus.
Vivir “na luz”
- 6Que ninguén vos engaiole con palabras baleiras, que por estas cousas vén a ira de Deus sobre os fillos rebeldes.
- 7Non vos fagades cómplices delas,
- 8porque antes si, erades tebras pero agora sodes luz no Señor. Así que andade como fillos da luz,
- 9(porque a luz é toda bondade, xustiza e verdade),
- 10tendo en conta o que lle agrada ao Señor.
- 11E non compartades as obras estériles das tebras; polo contrario, denunciádeas,
- 12que do realizado por eses tales ás agachadas dá vergonza mesmo falar.
- 13Pero todo iso, cando o delata a luz, queda ao descuberto,
- 14pois todo o que se manifesta é luz. Por iso se di:
- Acorda, ti que estás a durmir,
- érguete do medio dos mortos
e Cristo iluminarate.
Normas concretas de conduta
- 15Mirade, logo, con tino como camiñades: non coma atolados senón coma sensatos,
- 16aproveitando ben este tempo, que corren días malos.
- 17Por iso, non sexades irreflexivos: ao contrario, tratade de comprender cal é a vontade do Señor.
- 18Non vos emborrachedes con viño, que leva á libertinaxe; en vez diso enchédevos de Espírito,
- 19falando entre vós con salmos, himnos e cánticos espirituais, cantando e salmodiando con toda a alma para o Señor,
- 20e dándolle grazas decote a Deus Pai, por todo, no nome do noso Señor Xesús Cristo.
As relacións domésticas
- 21Sede ben guiados uns cos outros por respecto a Cristo:
- 22as mulleres sométanse aos propios maridos, como se fosen o Señor,
- 23pois o marido é cabeza da muller, como tamén Cristo é cabeza da Igrexa, o salvador do corpo.
- 24E, como a Igrexa se somete a Cristo, así tamén as mulleres aos seus maridos, en todo.
- 25Homes, amade as vosas mulleres, como tamén Cristo amou a Igrexa e se entregou por ela
- 26para santificala, purificándoa co baño de auga na palabra,
- 27e para presentala deste xeito diante de si, radiante, sen lixo nin engurra nin cousa polo estilo, senón santa e inmaculada.
- 28Así deben tamén os maridos amar as súas mulleres coma os seus propios corpos. Quen ama a súa muller, ámase a si mesmo,
- 29porque ninguén odiou endexamais a súa propia carne, senón que a mantén e aquece, como fai Cristo coa Igrexa,
- 30porque somos membros do seu corpo.
- 31Por iso deixará o home a seu pai e mais a súa nai e unirase á súa muller e serán os dous un só corpo.
- 32Grande misterio é este e eu refíroo a Cristo e á Igrexa.
- 33En calquera caso, todos e cada un de vós, debe amar a súa muller como a si mesmo; e a muller, que respecte o seu marido.