CARTA AOS EFESIOS - Capítulo 6
Capítulo 6
- 1Os fillos, obedecede a vosos pais no Señor, que iso é de razón.
- 2Honra a teu pai e a túa nai, é o primeiro mandamento que trae emparellada unha promesa:
- 3de xeito que todo che saia ben e vivas moitos anos na terra.
- 4E vós, pais, non sexades rigorosos de máis cos vosos fillos; non: educádeos na disciplina e na doutrina do Señor.
Escravos e amos
- 5Escravos, obedecede escrupulosamente aos vosos amos neste mundo con sinceridade coma a Cristo;
- 6e non só para que vos vexan, para compracer os homes, senón como escravos de Cristo que cumpren de corazón a vontade de Deus,
- 7servindo de boa gana, como se fose ao Señor e non a homes,
- 8sabendo que quen fai o ben, escravo ou libre, recibirá recompensa do Señor.
- 9E vós, amos, facede o mesmo con eles, prescindindo de ameazas, sabendo que eles e vós tedes un Señor no ceo, e que El non anda con favoritismos.
A vida cristiá como combate
- 10E remato. Fortalecédevos no Señor e na puxanza do seu poder.
- 11Revestídevos da armadura de Deus, para que poidades resistir as estrataxemas do demo.
- 12Porque non é a nosa loita contra homes de carne e óso senón contra os principados, contra as potestades, contra os que dominan neste mundo tenebroso, contra os espíritos do mal, que andan polo aire.
- 13Por iso, collede a armadura de Deus para lles poder facer fronte no día malo, e, despois de superalo todo, quedar aínda en pé.
- 14Estade, logo, en pé: cinguídevos co cinto da verdade, revestidos coa coiraza da xustiza
- 15e calzados os pés co afervoamento do Evanxeo da paz.
- 16Tede sempre no brazo o escudo da fe, que con el poderedes apagar todos os dardos incendiarios do maligno.
- 17Collede o casco da salvación e a espada do Espírito, que é a palabra de Deus,
- 18con toda clase de oracións e de súplicas, orando decote no Espírito e velando por iso con asiduidade e súplicas por todos os cristiáns,
- 19e tamén por min, co fin de que se me dea a palabra en abrindo a miña boca, para anunciar abertamente o misterio do Evanxeo,
- 20do que son pregoeiro, mesmo na cadea; que teña valor para anuncialo abertamente, como debo.
Despedida
- 21Para que tamén vós saibades que é de min e como me vai, informaravos de todo iso Tíquico, o noso irmán benquerido e axudante fiel no Señor.
- 22Mándovolo para que saibades de nós e para que vos anime.
- 23Paz aos irmáns e amor con fe, de parte de Deus Pai e do Señor Xesús Cristo.
- 24Que a graza acompañe a todos os que aman ao noso Señor Xesús Cristo con amor indefectible.