CARTA AOS COLOSENSES - Capítulo 1
Capítulo 1
Saúdo e introdución
- 1Paulo, apóstolo de Xesús Cristo pola vontade de Deus e mais o irmán Timoteo,
- 2aos santos e fieis irmáns en Cristo Xesús que viven en Colosas: desexámosvos a graza e paz de Deus, noso Pai.
Acción de grazas
- 3Dámoslle grazas a Deus, o Pai do noso Señor Xesús Cristo, rezando decote por vós,
- 4desde que nos chegou a nova da vosa fe en Cristo Xesús e do amor que lles tedes a todos os cristiáns,
- 5por mor da esperanza de quen vos agarda alá no ceo: esa esperanza da que oístes falar na palabra de verdade do Evanxeo
- 6que chegou ata vós. Tamén entre vós, coma en todo o mundo, o Evanxeo dá froitos e medra desde o día que escoitastes e coñecestes de verdade a graza de Deus,
- 7tal e como volo ensinou Épafras, o noso benquerido compañeiro de servizo, fiel servidor de Cristo no noso lugar:
- 8tamén el nos deu novas do amor que pon en vós o Espírito.
- 9Por esta razón tamén nós, desde o día en que soubemos disto, non deixamos de rezar por vós. Pedímoslle a Deus que vos encha do coñecemento da súa vontade, con todo o saber e intelixencia que dá o Espírito.
- 10Así daredes como froitos toda clase de obras boas e medraredes no coñecemento de Deus;
- 11estaredes fortalecidos en todo coa súa potencia magnífica, para serdes con ledicia pacientes e constantes a toda proba;
- 12e darédeslle grazas ao Pai, que nos fixo merecentes de participar na herdade dos santos, na luz.
SECCIÓN DOUTRINAL
Cristo, misterio de Deus
- 13Porque El arrincounos da pouta das tebras
para nos pasar ao Reino
de seu Fillo querido,
- 14en quen nós atopamos redención,
o perdón dos pecados.
- 15El é a imaxe do Deus invisible,
de toda criatura el é o primeiro nacido,
- 16e por medio del fixéronse as cousas,
as da terra e tamén as do ceo,
as vistas cos ollos,
as por eles non vistas;
señoríos sexan ou ben maxestades,
sexan principados, tamén potestades;
el é modelo e fin do universo creado.
- 17Antes ca todo está el,
todo nel se cimenta aínda hoxe.
- 18É tamén a cabeza do corpo
__o corpo é a Igrexa__.
El é o principio,
o primeiro en nacer de entre os mortos,
de xeito que en todo
sexa sempre o primeiro.
- 19Porque nel quixo Deus habitar
coa súa total plenitude,
- 20 e reconciliar así o universo
consigo, por el;
e no sangue da cruz
poñer paz entre os seres da terra
e do ceo, servíndose del.
- 21Tamén vós estabades noutro tempo afastados e manifestabades cos vosos feitos a vosa profunda hostilidade;
- 22pero agora Deus reconciliouvos pola morte do corpo perecedoiro do seu fillo, para vos presentar santos diante del, sen chata e irreprensibles aos seus ollos.
- 23Unicamente que debedes seguir cimentados e firmes na fe e non vos arredar da esperanza que escoitastes no Evanxeo: ese Evanxeo que se lles predicou a todas as criaturas, debaixo do ceo, e do que a min, Paulo, me fixeron servidor.
Paulo, servidor da Igrexa
- 24Agora alégrome do que teño que padecer por vós; así completo na miña carne o que lles falta ás penalidades de Cristo polo seu corpo, que é a Igrexa.
- 25Desta Igrexa fíxoseme servidor cando Deus me encomendou para o voso ben esta misión: predicar cumpridamente a palabra de Deus,
- 26ese misterio escondido desde séculos e xeracións, pero que agora se manifesta ao seu pobo santo.
- 27A este pobo quíxolle Deus amosar a espléndida riqueza que representa para os pagáns este misterio: que Cristo é para vós a esperanza da gloria!
- 28El é a quen nós anunciamos, aconsellando a todos, adoutrinándoos o mellor que sabemos, para facer cristiáns como é debido.
- 29Por isto é polo que eu peno e loito coa axuda da súa forza que traballa en min abondo.