CARTA AOS COLOSENSES - Capítulo 2
Capítulo 2
- 1Pois quero que saibades a loita tan grande que sosteño por vós e polos de Laodicea e por tantos que non me coñecen persoalmente.
- 2Así atoparán consolo os seus corazóns, para que, ben unidos no amor, logren a gran riqueza dunha comprensión total e coñezan o misterio de Deus, Cristo,
- 3en quen están agachados todos os tesouros da sabedoría e da ciencia.
- 4E dígovos isto para que ninguén vos engane con argumentos capciosos,
- 5pois aínda que corporalmente estou lonxe de vós, co espírito estou convosco, alegrándome da boa orde que, segundo vexo, reina entre vós e da firmeza da vosa fe en Cristo.
As doutrinas falsas
- 6Así que, do mesmo xeito que recibistes a Cristo Xesús como Señor, camiñade agora como cristiáns:
- 7enraizados nel, ídevos construíndo, fortalecéndovos na fe que se vos ensinou e rebordando de agradecemento.
- 8Ollo!, que ninguén vos enguedelle con filosofías e especulacións sen contido, fundadas nas tradicións dos homes, nos elementos deste mundo e non en Cristo.
- 9Porque nel habita corporalmente toda a plenitude da divindade
- 10e nel, que é cabeza de todos os principados e potestades, atopades vós a vosa plenitude.
- 11El foi quen vos circuncidou non cunha circuncisión feita coas mans dos homes, senón librándovos dos vosos baixos instintos: esa foi a circuncisión de Cristo.
- 12Sepultáronvos con el no bautismo e tamén resucitades nel pola fe na forza de Deus, que o resucitou de entre os mortos.
- 13E a vós, que estabades mortos polos vosos pecados e por non ter circuncidados os vosos instintos, deuvos a vida con el. El perdoounos todos os pecados,
- 14anulando a cédula dos preceptos legais que ía contra nós: quitouna de diante e espetouna na cruz.
- 15El destituíu os principados e potestades, converténdoos en espectáculo público, levándoos como cativos no séquito triunfal da cruz.
- 16Así, que ninguén vos xulgue por culpa da comida ou da bebida ou polas festas, as lúas novas ou os sábados.
- 17Estas cousas eran sombra do que estaba para vir; pero a realidade é Cristo.
- 18Que ninguén vos prive do premio coa súa finxida humildade e o seu culto aos anxos: visións e visionarios que se ven enfonchados coma parvos polo seu entendemento egoísta,
- 19ese despréndese da cabeza que polas xuntas e tendóns alimenta e cohesiona o corpo enteiro, facéndoo como Deus quere.
COMPORTAMENTO CRISTIÁN
Preceptos xerais
- 20Se morrestes con Cristo aos elementos do mundo, por que deixades que vos impoñan normas, como se vivísedes conforme á vida do mundo?
- 21“Non collas, non probes, non toques...”:
- 22esas son cousas que se van desfacendo co uso, e que non pasan de seren preceptos e doutrinas de homes.
- 23Isto ten, xa que logo, aparencia de sabedoría, pola aparente piedade, pola humildade e severidade co corpo pero, de feito, soamente vale para lle dar satisfacción ao instinto.