CARTA AOS COLOSENSES - Capítulo 3
Capítulo 3
- 1Polo tanto, se resucitastes con Cristo, buscade as cousas de alá enriba, onde Cristo está sentado á dereita de Deus:
- 2anhelade o de arriba e non o da terra.
- 3Vós morrestes e a vosa vida está agachada con Cristo en Deus.
- 4Cando se manifeste Cristo, que é a vosa vida, daquela tamén vós vos manifestades con El revestidos de claridade.
- 5Así que, dádelle morte a todo canto tedes de terreal: a fornicación, a inmoralidade, a paixón, os malos desexos e a cobiza, que é unha idolatría.
- 6Estas son as cousas polas que o anoxo de Deus cae sobre os fillos rebeldes,
- 7e nelas andastes vós en tempos cando viviades emporcallados nelas.
- 8Pero agora deixádevos de todo iso: furor, carraxe, ruindade, aldraxes e palabras groseiras, lonxe dos vosos beizos.
- 9Non vos mintades uns a outros, xa que vos espistes do home vello cos seus malos feitos
- 10e vos revestistes do home novo, que se vai anovando, conforme a imaxe de quen o creou, para chegar a un coñecemento total.
- 11Alí xa non hai máis nin grego nin xudeu, circuncisión nin non circuncisión, estranxeiro nin bárbaro, escravo nin libre, senón que Cristo é todo en todos.
- 12Vós, logo, como elixidos de Deus, santos e benqueridos, revestídevos de sentimentos de misericordia, de bondade, de humildade, de sinxeleza, de tolerancia.
- 13Aturádevos uns aos outros e perdoádevos, cando un teña queixa doutro: como o Señor vos perdoou, perdoádevos tamén vós.
- 14E, por riba de todo isto, cinguídevos co amor, que é o lazo que todo o une e leva á perfección.
- 15Que a paz de Cristo goberne os vosos corazóns, xa que a ela vos chamaron como membros dun mesmo corpo. Sede tamén agradecidos.
- 16Que a palabra de Cristo habite en vós con toda a súa riqueza. Ensinádevos e alentádevos uns a outros o mellor que saibades. Co corazón cheo de agradecemento, cantádelle a Deus salmos, himnos e cántigas inspiradas.
- 17E todo canto fagades, de palabra ou de obra, facédeo para honra de Xesús, o Señor, dándolle grazas a Deus Pai por medio del.
Preceptos concretos
- 18Mulleres, sede dóciles aos vosos homes como lle corresponde a unha muller cristiá.
- 19Homes, amade as vosas mulleres e non sexades ríspetos con elas.
- 20Fillos, sede ben guiados en todo cos vosos pais, que isto é cousa agradable ao Señor.
- 21Pais non asoballedes os vosos fillos, para que non saian coitados.
- 22Escravos, obedecede en todo aos amos que tedes na terra, non para buscar o contento dos homes que ven o voso servizo, senón de corazón por respecto ao Señor.
- 23Todo canto fagades, facédeo con toda a alma, como para o Señor e non para os homes,
- 24tendo en conta que recibiredes do Señor a herdade como recompensa. Servide a Cristo, o voso Señor.
- 25Quen cometa inxustiza, recibirá o merecido pola súa inxustiza, que Deus non anda con favoritismos.