CARTA AOS COLOSENSES - Capítulo 4
Capítulo 4
- 1Amos, dádelles aos vosos escravos o que é xusto e obrigado, decatándovos de que tamén vós tedes un amo no ceo.
Conclusión, saúdos e despedida
- 2Sede constantes na oración: vixiade nela con acción de grazas.
- 3Rogade ao mesmo tempo por nós, para que Deus abra unha porta á nosa predicación, co fin de anunciar o misterio de Cristo, polo que eu estou na cadea:
- 4que o expoña como o debo expoñer.
- 5Cos de fóra andade con moito tino, aproveitando as ocasións.
- 6Que a vosa conversa sexa sempre agradable, cunha chisca de sal, de xeito que saibades darlle a cadaquén a resposta axeitada.
- 7Das cousas que se refiren a min, xa vos dará novas Tíquico, meu irmán benquerido, fiel auxiliar e compañeiro de servizo no Señor;
- 8mándovolo mesmamente para iso, para que teñades novas de nós e para que poña acougo nos vosos corazóns.
- 9Vai canda el o querido e fiel irmán Onésimo, que é un dos vosos. Xa vos porán ao tanto de todo o que pasa por aquí.
- 10Saúdos de Aristarco, o meu compañeiro na cadea, e de Marcos, curmán de Bernabé (acerca deste xa recibistes algunhas instrucións: se chega onda vós, acollédeo).
- 11Saúdos tamén de Xesús, a quen lle chaman o Xusto. De entre os xudeus só estes son os meus axudantes no traballo polo Reino de Deus, e abofé que me foron un bo alivio.
- 12Saúdos do servidor de Xesús Cristo, Épafras, que é dos vosos e que decote está loitando por vós coas súas oracións por mor de que perseveredes na perfección e no cumprimento de todo canto Deus quere.
- 13Douvos fe do moito que traballa por vós e polos que están en Laodicea e Hierápole.
- 14Saúdos tamén de Lucas, o querido médico, e de Dimas.
- 15Dádelles saúdos aos irmáns de Laodicea, e a Ninfas e á Igrexa que ten as xuntanzas na súa casa.
- 16E cando leades esta carta, procurade o xeito de que tamén se lea na Igrexa dos de Laodicea; e a de Laodicea lédea vós tamén.
- 17Dicídelle a Arquipo: “Ten moito coidado co servizo que se che encomendou como cristián e cúmpreo ben”.
- 18Esta lembranza vai da miña man: Paulo. Lembrádevos das miñas cadeas. Que a graza vaia convosco.