PRIMEIRA CARTA AOS TESALONICENSES - Capítulo 1
Capítulo 1
- 1Paulo, Silván e mais Timoteo, á Igrexa dos tesalonicenses, en Deus Pai e no Señor Xesús Cristo: deséxanvos graza e paz.
Alegría de Paulo pola fe viva dos tesalonicenses
- 2Decote damos grazas a Deus por todos vós, facendo memoria de vós nas nosas oracións. Continuamente
- 3nos lembramos diante de Deus, noso Pai, da actividade da vosa fe, do esforzo da vosa caridade e da firmeza da vosa esperanza no noso Señor Xesús Cristo.
- 4Ben sabemos, irmáns, benqueridos de Deus, que El vos escolleu.
- 5Porque o noso Evanxeo non quedou en palabras no voso caso, senón que se volveu forza exuberante do Espírito Santo. Ben sabedes o que tal resultou ser a nosa actuación entre vós para o voso ben.
- 6E vós seguistes o noso exemplo e o do Señor e, aínda que houbo tantas dificultades, acollestes a mensaxe coa alegría do Espírito Santo,
- 7ata chegardes a ser exemplo para todos os crentes da Macedonia e da Acaia.
- 8Pois, partindo de vós, resoou a palabra do Señor non só na Macedonia e na Acaia, senón que a vosa fe en Deus resoou por todas partes, de xeito que non precisamos falar cousa.
- 9Eles mesmos contan cal foi a acollida que nos destes e como vos convertestes dos ídolos para servir o Deus vivo e verdadeiro,
- 10e para agardar desde o ceo, ao seu Fillo, a quen resucitou de entre os mortos, Xesús, quen nos libra da ira vindeira.