PRIMEIRA CARTA AOS TESALONICENSES - Capítulo 2
Capítulo 2
Predicación e apostolado de Paulo
- 1Vós ben sabedes, irmáns, que a nosa visita onda vós non resultou estéril,
- 2senón que, maltratados e aldraxados en Filipos como sabedes, tivemos a coraxe, grazas ao noso Deus, de vos expoñer o Evanxeo de Deus no medio dunha gran loita,
- 3pois a nosa predicación non proviña do erro, de motivos inconfesables ou de mala idea,
- 4senón que, polo contrario, falamos así porque Deus nos considerou dignos de nos confiar o Evanxeo sen intentarmos contentar os homes, senón contentar a Deus, que pescuda os nosos corazóns.
- 5Nin actuamos endexamais con palabras suaves, como ben sabedes, nin con segundas intencións de comenencia __ben o sabe Deus!__;
- 6nin procurando honores dos homes: nin de vós, nin doutros,
- 7e iso que podiamos presentarnos con autoridade, como apóstolos de Cristo. Porén, fixémonos tenros no medio de vós, coma unha nai que agarima os seus fillos.
- 8Polo cariño que vos tiñamos, estabamos dispostos a entregarvos non só o Evanxeo de Deus, senón a nosa propia vida: tanto vos fixestes querer.
- 9Acordaravos, irmáns, o noso esforzo e fatiga: traballando noite e día, por non sermos unha carga para ningún de vós. Así foi como vos predicamos o Evanxeo de Deus.
- 10Vós sodes testemuñas, e Deus tamén, de que nos comportamos convosco, os crentes, de xeito correcto, honrado e sen tacha.
- 11Ben sabedes que eramos para cada un de vós coma un pai para os seus fillos:
- 12aconsellándovos cariñosamente ou con firmeza que vos comportásedes como merece o Deus que vos chamou ao seu Reino e gloria.
A resposta dos tesalonicenses
- 13É tamén por isto polo que lle damos decote grazas a Deus: porque, ao recibirdes de nós a palabra de Deus, acolléstela non como palabra de homes, senón como o que verdadeiramente é: palabra de Deus, que actúa en vós, os crentes.
- 14Porque vós, irmáns, saídeslles ás comunidades cristiás que hai na Xudea, pois sufristes dos vosos propios paisanos as mesmas cousas que elas sufriron dos xudeus:
- 15eles, que mataron a Xesús e mais aos profetas, perseguíronnos tamén a nós; non agradan a Deus e van contra todos os homes,
- 16porque nos privan de lles falarmos aos xentís e que así se salven, acugulando cada vez máis a medida dos seus pecados. Pero a ira de Deus caeu sobre eles ata o remate.
Desexo de os volver visitar
- 17Nós, irmáns, ao pouco tempo de separarnos de vós __separados fisicamente non co corazón__, xa estivemos ben inquedos, de tanta morriña por vos ver.
- 18Quixemos ir onda vós __polo menos eu, Paulo__, máis dunha vez; pero o demo impedíunolo.
- 19Pois, cal é a nosa esperanza, o noso gozo e mais a nosa coroa de gloria diante do noso Señor Xesús Cristo, no día da súa vinda? Logo non sodes vós?
- 20Si, vós sodes a nosa gloria e a nosa alegría.