PRIMEIRA CARTA AOS TESALONICENSES - Capítulo 3
Capítulo 3
- 1Por iso, non aguantando máis, ordenamos de quedar sos en Atenas
- 2e mandarvos a Timoteo, o noso irmán e colaborador de Deus no Evanxeo de Cristo, para vos fortalecer e vos dar azos na vosa fe,
- 3a fin de que ninguén se estremeza coas presentes dificultades: ben sabedes vós que para iso estamos.
- 4Cando estabamos aínda convosco, xa vos avisamos que iades ter que aturar dificultades. E, como vedes, así foi.
- 5Por iso, eu tampouco aguantei máis e mandeino a que se informase da vosa fe; non fose que vos seducise o tentador e o noso traballo resultase estéril.
- 6Mais agora, xa chegou Timoteo de onda vós e deunos as boas novas da vosa fe e caridade e de que tedes sempre bo recordo de nós, arelando vernos tanto coma nós a vós.
- 7Así, irmáns, en medio de todas as nosas adversidades e tribulacións, vós, coa vosa fe, dádesnos ánimos,
- 8e agora sentímonos vivir sabendo que estades firmes no Señor.
- 9Con que acción de grazas lle poderemos pagar a Deus por vós, por toda a alegría que pola vosa causa temos diante do noso Deus?
- 10Rogámoslle con insistencia noite e día que poidamos visitarvos persoalmente e encher as fallas que teña a vosa fe.
- 11Que o mesmo Deus, noso Pai, e o noso Señor Xesús, endereiten o noso camiño cara a vós.
- 12E a vós, que o Señor vos faga medrar no amor duns cos outros e con todos, ata rebordar, como nos pasa a nós respecto de vós.
- 13Que El afinque os vosos corazóns nunha santidade sen tacha diante de Deus, noso Pai, cando veña o noso Señor Xesús con todos os seus santos.