PRIMEIRA CARTA AOS TESALONICENSES - Capítulo 4
Capítulo 4
Instrucións e avisos
- 1Polo demais, irmáns, pedímosvos con insistencia como cristiáns que, xa que aprendestes de nós como cómpre andar para contentar o Señor, que sigades así e que progresedes aínda máis.
- 2Porque ben sabedes que instrucións vos temos dado de parte do Señor Xesús,
- 3pois esta é a vontade de Deus, a vosa santificación: que vos arrededes da fornicación,
- 4que cada un de vós saiba controlar o seu propio corpo santa e respectuosamente,
- 5sen se deixar gobernar pola paixón coma os xentís, que non coñecen a Deus.
- 6Que ninguén se exceda nin asoballe a seu irmán neste asunto, pois o Señor vinga todas estas cousas, como xa vos temos dito e repetido.
- 7Que non nos chamou Deus á impureza, senón á santidade.
- 8Por iso, quen rexeita estas instrucións, non rexeita a un home senón a Deus, que é quen vos dá o seu Espírito Santo.
- 9Verbo da caridade, non precisades que vos escriba, porque Deus mesmo vos ensina a vos amardes uns a outros,
- 10cousa que practicades con todos os irmáns ao longo da Macedonia. Rogámosvos que sigades progresando:
- 11que anheledes vivir sosegados, ocuparvos dos vosos asuntos e traballar coas vosas mans, conforme vos temos mandado;
- 12deste xeito a vosa conduta será correcta ante os de fóra e non precisaredes de ninguén.
A Vinda do Señor
- 13Non queremos, irmáns, que non esteades informados verbo dos mortos, para que non vos agoniedes coma os outros, os que non teñen esperanza.
- 14Porque, se cremos que Xesús morreu e que resucitou, do mesmo xeito Deus, por medio de Xesús, levará con El aos que xa morreron.
- 15Iso é o que vos dicimos apoiados na palabra do Señor: que nós, os que vivimos, os que quedemos para a Vinda do Señor, non teremos vantaxe sobre os que xa morreron,
- 16pois a un sinal de mando, á voz do arcanxo e ao son da trompeta de Deus, o Señor en persoa baixará do ceo, e entón os cristiáns defuntos resucitarán primeiro;
- 17despois, nós, os que quedemos vivos, seremos arrebatados xunto con eles nas nubes, para irmos ao encontro do Señor no aire, e así estaremos sempre co Señor.
- 18Polo tanto, consoládevos uns a outros con estas palabras.