PRIMEIRA CARTA AOS TESALONICENSES - Capítulo 5
Capítulo 5
O momento da Vinda do Señor
- 1Tocante ao tempo preciso, irmáns, tampouco non precisades que vos escriba,
- 2que vós mesmos sabedes á perfección que o “Día do Señor” chegará coma o ladrón pola noite.
- 3Cando anden dicindo “paz e seguridade”, daquela caerá de súpeto sobre eles a desfeita, do mesmo xeito que lle veñen as dores á muller embarazada; e, de certo, non han de escapar.
- 4Pero vós, irmáns, non estades nas tebras, para que ese día vos sorprenda coma o ladrón,
- 5xa que todos vós sodes fillos da luz, fillos do día: non somos da noite nin das tebras.
- 6Polo tanto, non adormezamos coma os demais: máis ben, esteamos vixiantes e manteñamos o propio control.
- 7Pois os que dormen, dormen pola noite, e os que se emborrachan, emborráchanse pola noite.
- 8Pero nós, que somos do día, manteñamos o propio control, revestidos coa coiraza da fe e da caridade e co casco da esperanza da salvación.
- 9Pois non nos destinou Deus á ira, senón á consecución da salvación polo noso Señor Xesús Cristo,
- 10que morreu por nós, para que, vivos ou mortos, pasemos a vivir con El.
- 11Polo tanto, aconselládevos e confortádevos uns a outros, como xa o facedes.
Últimas recomendacións e saúdos
- 12Rogámosvos, irmáns, que sexades considerados cos que traballan entre vós, presidíndovos no Señor e catequizándovos.
- 13Tédeos no máis grande aprecio e amor polos seus traballos, e que entre vós haxa paz.
- 14Exhortámosvos tamén, irmáns, a que fagades entrar en razón aos inconstantes, que lles deades azos aos abatidos, que coidedes dos febles e que teñades paciencia con todos.
- 15Mirade que ninguén lle devolva a ninguén mal por mal; polo contrario, procurádevos sempre o ben uns aos outros e a todos.
- 16Estade sempre alegres.
- 17Orade constantemente.
- 18Dade grazas en todas as ocasións: que isto é o que Deus quere de vós como cristiáns.
- 19Non apaguedes o Espírito;
- 20non desprecedes as palabras inspiradas.
- 21Examinádeo todo e agarrádevos ao que é bo.
- 22Arredade de toda especie de mal.
Despedida e saúdos
- 23Que o Deus da paz vos santifique totalmente e que todo o voso ser espírito, alma e corpo se conserve indemne na Parusía do noso Señor Xesús Cristo.
- 24Pois o que vos chama é fiel e hao facer.
- 25Irmáns, rogade tamén por nós.
- 26Dádelles o saúdo a todos os irmáns co ósculo santo.
- 27Esconxúrovos polo Señor a que se lles lea esta carta a todos os irmáns.
- 28Que a graza do noso Señor Xesús Cristo vos acompañe!