SEGUNDA CARTA AOS TESALONICENSES - Capítulo 1
Capítulo 1
- 1Paulo, Silván e mais Timoteo, á Igrexa dos tesalonicenses, en Deus, noso Pai, e no Señor Xesús Cristo:
- 2desexámosvos a graza e a paz de Deus Pai e do Señor Xesús Cristo.
Acción de grazas
- 3Temos que lle dar grazas seguido a Deus por vós, irmáns, e é de xustiza porque a vosa fe vai medrando a cada paso máis e porque o amor que vos tedes todos uns a outros segue aumentando:
- 4tanto que nós mesmos presumimos de vós perante todas as igrexas de Deus pola vosa paciencia e pola vosa fe en todas as persecucións e apertos que estades a pasar.
A Vinda do Señor e o xuízo
- 5Esa é a proba do xusto xuízo de Deus, de que vos vai considerar dignos do seu Reino polo que estades a padecer;
- 6como é xusto que Deus pague con tribulacións aos que vos aflixen
- 7e que a vós, os aflixidos, vos dea acougo xunto connosco, cando se revele o Señor Xesús, vindo do ceo cos anxos do seu poder,
- 8con labaradas de lume para lles dar o castigo aos que non queren recoñecer a Deus e aos que non obedecen ao Evanxeo do noso Señor Xesús.
- 9O castigo deles vai ser a perdición eterna, lonxe da presenza do Señor e do esplendor da súa gloria,
- 10naquel día, cando veña para manifestar a súa gloria nos seus santos e para manifestar as súas marabillas nos que abrazaron a fe. Agora ben, vós aceptastes o noso testemuño.
- 11Por iso rogamos decote por vós, para que o noso Deus vos faga dignos da chamada e para que co seu poder faga realidade todo propósito de facer o ben e toda empresa de fe.
- 12Dese xeito vós daredes gloria ao noso Señor Xesús Cristo e el a vós, conforme a graza do noso Deus e do Señor Xesús Cristo.