SEGUNDA CARTA AOS TESALONICENSES - Capítulo 2
Capítulo 2
O impío e a súa aniquilación
- 1Tocante á Parusía do noso Señor Xesús Cristo e da nosa xuntanza con el, rogámosvos, irmáns,
- 2que non abaledes tan axiña nos vosos criterios nin vos desconcertedes por supostas revelacións, ditos ou cartas nosas coma se o Día do Señor estivese a caer.
- 3Que ninguén vos trabuque de ningún xeito. Porque primeiro ten que vir a apostasía e manifestarse o impío por excelencia, a perdición en persoa:
- 4aquel que se opón e se levanta contra todo o que se chame Deus ou que sexa digno de culto, ata chegar a sentar el no templo de Deus, proclamando que el mesmo é Deus.
- 5Non vos acorda que, cando aínda estaba convosco, xa volo dicía?
- 6E agora xa sabedes que é o que o detén, para que se mostre unicamente no seu preciso tempo.
- 7Pois a misteriosa iniquidade xa está actuando: só cómpre que lle quiten do medio a quen a detén.
- 8E daquela mostrarase o Impío, a quen o Señor matará co sopro da súa boca e aniquilará co resplandor da súa Vinda.
- 9A vinda dese Impío será obra do demo, será con poder, con portentos e con prodixios trapalleiros,
- 10e con toda a sedución que exerce a inxustiza en cantos se han de perder, por non acolleren o amor da verdade que os ía salvar.
- 11E por iso mándalles Deus unha forza enganadora, para que crean na falsidade,
- 12e así se condenen todos os que non creron na verdade senón que se deleitaron na sedución.
Mantédevos agradecidos e animosos
- 13Pero por vós, irmáns benqueridos do Señor, debémoslle dar grazas sempre ao Señor porque desde o comezo escolleuvos Deus para salvarvos, santificándovos co Espírito e dándovos fe na verdade.
- 14Para iso chamouvos polo noso Evanxeo, de xeito que logredes a gloria do noso Señor Xesús Cristo.
- 15Polo tanto, irmáns, mantédevos rexos e retede ben as ensinanzas que vos aprendemos tanto de palabra coma por carta.
- 16E que o mesmo Señor noso Xesús Cristo e mais Deus, o noso Pai, que nos amou e que nos deu gratuitamente azos duradeiros e boa esperanza,
- 17vos dea ánimos e vos afinque en toda obra e palabra boa.