SEGUNDA CARTA AOS TESALONICENSES - Capítulo 3
Capítulo 3
Consellos e avisos
- 1Polo demais, irmáns, rogade por nós, para que a mensaxe do Señor se difunda e se acolla con honor, como pasou entre vós,
- 2e deste xeito nos vexamos libres da xente descamiñada e perversa, pois a fe non a teñen todos.
- 3Pero o Señor é fiel e afincaravos e protexeravos do Malo.
- 4Tocante a vós, fiámonos no Señor de que estades facendo e de que continuaredes a facer canto vos temos mandado.
- 5Que o Señor encamiñe os vosos corazóns ao amor de Deus e á paciente espera do Cristo.
- 6Irmáns: no nome do Señor Xesús Cristo, mándovos que vos arrededes de calquera irmán que leve unha vida lacazana e non conforme á ensinanza que recibistes de nós.
- 7Pois ben sabedes vós de que modo debedes imitarnos, xa que non nos dedicamos a andar sen xeito
- 8nin comemos de moca o pan de ninguén, senón que traballamos noite e día con esforzo e fatiga por non sermos unha carga para ningún de vós.
- 9Non porque non tivésemos dereito, senón para vos dar un exemplo que imitar,
- 10e porque, cando estabamos onda vós, xa vos demos esta norma: o que non queira traballar, que tampouco non coma.
- 11Porque chegou aos nosos oídos que algúns de vós andan descamiñados e por riba de non traballaren nada, entremétense nas cousas dos demais.
- 12A eses mandámoslles e aconsellámoslles no Señor Xesús Cristo que, traballando con acougo, coman o seu propio pan.
- 13E vós, irmáns, non cansedes de facer o ben.
- 14Agora, se algún non obedece a mensaxe desta carta, sinaládeo e non vos xuntedes con el, para que se avergonce.
- 15Non digo que o tratedes coma inimigo, senón que o corrixades coma irmán.
Despedida e sinatura
- 16Que o Señor da paz vos dea a paz decote e de todos os xeitos. Que o Señor vaia con todos vós.
- 17O saúdo vai da miña propia man: Paulo. É contrasinal en todas as cartas. Así escribo.
- 18Que a graza do noso Señor Xesús Cristo vos acompañe.