PRIMEIRA CARTA A TIMOTEO - Capítulo 1
Capítulo 1
Saúdo
- 1Paulo, apóstolo de Cristo Xesús por mandado de Deus, noso Salvador, e de Cristo Xesús, nosa esperanza,
- 2a Timoteo, fillo lexítimo na fe, deséxoche a graza, a misericordia e a paz de Deus Pai e de Cristo Xesús, noso Señor.
Evitar as falsas doutrinas
- 3Xa che pedira que quedases en Éfeso, cando eu ía marchar a Macedonia, para lles mandares a algúns que non ensinen doutrinas alleas,
- 4nin se afeccionen aos mitos e xenealoxías sen conta: cousas que se prestan máis para discusións que para a realización do plan de Deus, que se basea na fe.
- 5A finalidade desta instrución é o amor, que sae dun corazón puro, dunha conciencia boa e dunha fe sincera.
- 6Algúns deles, trabucándose, extraviáronse en lerias;
- 7pretenden ser doutores na Lei e non entenden nin o que din nin o que tan rotundamente afirman.
- 8Nós sabemos que a Lei é boa, sempre que se utilice como se debe;
- 9tendo en conta, que non se dita a Lei para o xusto, senón para os prevaricadores e rebeldes, para os impíos e pecadores, para os profanadores e sacrílegos, para os parricidas e matricidas, para os homicidas,
- 10os fornicadores, homosexuais, tratantes de escravos, mentiráns, perxuros e para todo aquel que se opón á boa doutrina,
- 11que cadra co Evanxeo da gloria do Deus bendito, que se me confiou.
Acción de grazas polos favores recibidos
- 12Doulle grazas a Cristo Xesús, noso Señor que me fortaleceu, porque fiou en min, encomendándome o ministerio:
- 13a min, que fora un blasfemo, perseguidor e infamador; pero compadeceuse, porque eu obrei por ignorancia, sen ter aínda fe;
- 14e a graza do noso Señor abundou coa fe e o amor, que hai en Cristo Xesús.
- 15Esta é palabra segura, merecente de que todos a acollan: que Cristo Xesús veu ao mundo para salvar os pecadores, dos que eu son o primeiro.
- 16Pero por iso mesmo compadeceuse, a fin de que Cristo Xesús amosase en min, o primeiro, toda a súa paciencia como exemplo para os que habían crer nel para lograr a vida eterna.
- 17Ao Rei dos séculos, inmortal, invisible, único Deus: honra e gloria polos séculos dos séculos! Amén.
Recomendación a Timoteo
- 18Vouche facer unha gran encomenda, meu fillo Timoteo, conforme as mensaxes inspiradas que se refiren a ti, para que, apoiado nelas, sosteñas un bo combate,
- 19armado de fe e boa conciencia. Algúns rexeitárona e naufragaron na fe:
- 20entre eles están Himeneo e Alexandre, aos que entreguei ao Maligno, para que aprendan a non blasfemar.