PRIMEIRA CARTA A TIMOTEO - Capítulo 2
Capítulo 2
A pregaria litúrxica universal
- 1Recomendo primeiro de todo que se fagan peticións, oracións, súplicas, accións de grazas en favor de todos os homes,
- 2polos reis e por todos os que ocupan altos cargos, para que poidamos ter unha vida calma e serea, baseada no pleno respecto mutuo e na decencia.
- 3Isto é fermoso e grato a Deus noso Salvador.
- 4El quere que todos os homes se salven e cheguen ao coñecemento da verdade.
- 5Porque hai un único Deus e un único mediador entre Deus e os homes: o home Cristo Xesús,
- 6que se entregou como rescate por todos. Tal é o testemuño dado no tempo oportuno.
- 7A min fíxome o seu pregoeiro e apóstolo __digo a verdade e non minto__, mestre dos xentís na fe e na verdade.
Actitude xeral no culto
- 8Por iso quero que en todos os sitios recen os homes levantando as mans limpas, sen ira nin discusións.
- 9Do mesmo xeito tamén as mulleres, con vestido decente, con reverencia e modestia, que se adornen non con rizos, nin con ouro, nin margaridas, nin vestidos luxosos,
- 10senón coas boas obras, como cómpre a mulleres que profesan unha piedade verdadeira.
- 11A muller que aprenda en silencio e con toda submisión.
- 12Non lle consinto á muller que ensine, nin domine ao home, senón que estea calada.
- 13Porque primeiro crearon a Adán, despois a Eva.
- 14E a Adán non o enganaron, senón que a muller se deixou enganar e caeu no pecado.
- 15Salvarase, non obstante, grazas á súa maternidade, se se mantén na fe, no amor, na santidade e na modestia.